28-M

Alfonso Rueda e Manuel Baltar volven compartir campaña unha xornada máis

"Non te coñecía, pero, como diría Feixoo, 'aquí hai un home interesante'", trasladou Alfonso Rueda, en referencia ao candidato popular desta vila, Lino González.
Alfonso Rueda, Lino González e Manuel Baltar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, Lino González e Manuel Baltar. (Foto: Nós Diario)

"Hai que recuperar o tempo perdido". Os presidentes do PP da Galiza e de Ourense, Alfonso Rueda e Manuel Baltar, quixeron lanzar esta cuarta feira esta mensaxe desde O Carballiño de cara ao 28 de maio. Ambos os dous seguen co seu 'tour' destes días de brazos dados por concellos ourensáns, conscientes da importancia electoral que ten este territorio.

O Carballiño, con case 14.000 habitantes, é o segundo concello en poboación da circunscrición Ourense e a Alcaldía está en mans do PSdeG. Alí estiveron Baltar e Rueda, apoiando o seu candidato local, Lino González, do que dixeron que vai "abrir un novo ciclo político para recuperar o tempo perdido, devolver esta vila ao camiño do progreso e aproveitar as enormes potencialidades do Carballiño".

"Non te coñecía, pero, como diría Feixoo, 'aquí hai un home interesante'", trasladou Alfonso Rueda, en referencia ao candidato popular desta vila, na que pediu un "cambio de rumbo" prometendo "estabilidade" e "garantías" do Partido Popular se goberna en solitario, "para recuperar o tempo perdido" despois de oito anos de mandato socialista.

Deste modoo, Rueda recoñeceu que as reseñas que lle chegaron sobre Lino González "son moi boas" porque leva anos exercendo de "veciño activo", traballando nunha entidade bancaria da vila, coñecendo "as preocupacións dos veciños", un motivo polo que dixo que "será un alcalde que protexa á súa xente".

O presidente do Partido Popular galego aproveitou a súa intervención para enxalzar as diferentes actuacións que o Goberno galego levou a cabo ou ten postas en marcha no Carballiño, tales como a ampliación dun dos institutos, a rehabilitación da residencia maiores ou a ampliación do parque empresarial.

"A cidadanía está cansada de pelexas e enfrontamentos. Por iso demandan o entendemento que ofrece o PP", sostivo Rueda, pedindo o voto para o PP de "aqueles que sempre confiaron" na formación, pero sobre todo o de "os decepcionados co PSOE" e o daqueles "que din que non van votar o domingo". "Aínda están a tempo de votar ao PP", apelou.

Comentarios