Alfonso Rueda asumirá as funcións de Feixoo mentres dure a súa campaña polo Estado español

O presidente da Xunta inicia esta sexta feira os seus encontros con afiliados do PP de todo o Estado español.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Isabel Infantes/Europa Press)
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Isabel Infantes/Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asumirá as funcións da presidencia do Goberno galego mentres Alberto Núñez Feixoo desenvolve a súa campaña como candidato ao cargo de presidente estatal do Partido Popular (PP), na que percorrerá as dezasete autonomías do Estado español durante dez días.

Rueda garantizou a "normalidade" na xestión da Galiza durante a ausencia do presidente da Xunta, centrado agora mesmo en liderar o PP e constituír o seu equipo de traballo cando previsibelmente gañe o Congreso Extraordinario de Sevilla, dos vindeiros 1 e 2 de abril.

Porén, o vicepresidente primeiro asegurou que Feixoo manterá "contacto telefónico" para coñecer as resolucións das reunións do Consello da Xunta". Asemade, sinalou que o resto de conselleiros que quedan na Galiza seguirán a traballar "con normalidade".

Rueda non confirmou cal será a fórmula que empregará o Goberno galego para formalizar a toma temporal de funcións. Non en tanto, o popular afirmou que iso non é o "importante", senón que se centran no "traballo do día a día", e afirma que xa "está perfectamente previsto e planificado".

Inicio da campaña de Feixoo

Segundo sinala o equipo do aínda presidente da Xunta, Feixoo ten previsto formalizar mañá ás 17 horas a súa candidatura a presidencia estatal do PP. Farao coa entrega dos avais necesarios na sede estatal da formación política para concorrer ao Congreso Extraordinario de Sevilla.

Explican que iniciará a súa campaña na sexta feira, con dous actos no País Valenciá e en Murcia, e rematará dez días despois en Extremadura.

Feixoo pretende trasladar aos afiliados do Partido Popular o seu modelo de partido, así como o seu proxecto de futuro para intentar "ofrecer unah alternativa de Goberno a Pedro Sánchez.

A pesar de ter a presidencia do PP practicamente garantida, o dirixente popular non iniciará até maio o proceso para abandonar a Xunta, que pasa en primeiro termo pola súa dimisión.

Comentarios