Alfonso Rueda, escollido presidente da Xunta cos votos do Partido Popular

Este sábado decorrerá o acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, e o domingo deberá anunciar os integrantes do seu goberno para o que resta de lexislatura.
Alfonso Rueda recibe os aplausos dos deputados do Partido Popular. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda recibe os aplausos dos deputados do Partido Popular. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, foi nomeado sexto presidente electo da historia do Goberno galego cos votos a favor do grupo parlamentario do Partido Popular (PP) e os votos en contra do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Partido Socialista (PSdeG).

A votación decorreu despois de que tivese lugar o debate de investidura entre o candidato e os portavoces do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, Luís Álvarez. O portavoz popular, Pedro Puy, non puido estar presente na parte final da sesión, polo que foi substituído polo deputado Miguel Tellado.

Finalmente, o Parlamento emitiu 74 votos. 41 foron a favor de Alfonso Rueda, mentres que os 33 restantes foron en contra da súa investidura.

A falta de oficializar o nomeamento de Rueda coa publicación do resultado no Diario Oficial da Galiza (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), o popular sucede Alberto Núñez Feixoo á fronte do Goberno galego.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, dará conta da votación ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e ao xefe de Estado, Felipe VI.

Este sábado decorrerá o acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, e o domingo deberá anunciar os integrantes do seu goberno para o que resta de lexislatura.

Comentarios