Rueda confirmará a súa candidatura a liderar o PPdeG esta sexta feira

O prazo para a recepción de precandidaturas, para o que se precisan 90 avais, fechará o 28 de abril.
Alfonso Rueda, á dereita de Alberto Núñez Feixoo (en primeiro plano), na Xunta Directiva do PPdeG decorrida esta segunda feira en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, á dereita de Alberto Núñez Feixoo (en primeiro plano), na Xunta Directiva do PPdeG decorrida esta segunda feira en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O líder do PP provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, convocou para esta sexta feira a Xunta Directiva provincial do partido, onde prevé anunciar a súa decisión de presentarse como candidato a suceder Alberto Núñez Feixoo á fronte do PPdeG no próximo Congreso do partido.

Do mesmo modo que Feixoo o fixo ante o máximo órgano entre congresos no PPdeG, a Xunta Directiva autonómica, Rueda prevé seguir os seus pasos, segundo as fontes consultadas por Europa Press, e ratificar ante o seu equipo provincial unha decisión que ninguén no partido pon en dúbida tras recibir o vicepresidente primeiro da Xunta os apoios do resto de líderes provinciais e principais dirixentes do partido.

Precisamente, o propio Rueda, no que xa están postas todas as olladas para asumir as rendas do Goberno galego e do PPdeG, confirmaba esta terza feira, en declaracións aos medios desde Muíños, que calquera anuncio "desde o punto de vista persoal" farao "dentro dos órganos do partido".

"Son presidente do PP en Pontevedra e correspóndeme en primeiro lugar anuncialo aos meus compañeiros alí, e a partir de aí por suposto falar con todos os compañeiros da Galiza e pedirlles humildemente a súa colaboración e o seu apoio", insistiu, nun acto ao que acudiu como vicepresidente da Xunta en compañía do presidente da Deputación de Ourense e líder dos populares nesta circunscrición, Manuel Baltar.

Con todo, publicamente aínda non confirmou este inminente anuncio e limitouse a destacar que a Xunta Directiva do PPdeG decorrida esta segunda feira en Compostela —que fixou o 18º conclave do partido para os días 21 e 22 de maio— demostrou que "hai unidade" para "facer as cousas ben". "A mellor proba é o nerviosos que se poñen os partidos da oposición", engadiu.

"Xenerosidade" de Baltar

Rueda, aproveitando a súa visita a Muíños xunto a Baltar, quen precisamente a semana pasada o sinalaba como sucesor ideal de Feixoo, agradeceulle "a súa disposición e a súa xenerosidade á hora de entender que é un proceso que hai que facer entre todos e en beneficio de todos".

Porén, lembrou que o Congreso do 21 e 22 de maio, que terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra, será un conclave "aberto, onde todo o mundo poderá presentarse e ter a oportunidade de apoiar a quen se presente". "Esa será a maneira de facer as cousas", confirmou.

As precandidaturas, até o día 28

O prazo para a recepción de precandidaturas a liderar o PPdeG fechará o 28 de abril ás 20 horas e os aspirantes terán que presentar 90 avais, segundo o organigrama aprobado esta segunda feira pola Xunta Directiva.

Alfonso Rueda, visto xa como máis que probábel substituto de Feixoo tras recibir o apoio dos outros tres 'baróns' provinciais galegos, presentará a súa candidatura esta sexta feira ante a Xunta Directiva do PP de Pontevedra, que proximamente terá que abrir o seu propio proceso de remuda.

Comentarios