Rueda ratifica a súa candidatura a presidir o PPdeG: "A quinta maioría absoluta empeza hoxe e aquí"

Con todo, o aínda vicepresidente primeiro da Xunta lembra que "calquera militante poderá presentarse" ao conclave que decorrerá en Pontevedra os días 21 e 22 de maio para elixir o sucesor de Alberto Núñez Feixoo.
Alfonso Rueda, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Alfonso Rueda escolleu día e lugar —esta sexta feira, na Xunta Directiva do PP de Pontevedra— para ratificar que se presenta a liderar o Partido Popular galego unha vez que Alberto Núñez Feixoo deixou o cargo para marchar a Madrid.

O aínda vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza e presidente do PP pontevedrés confirmou a súa candidatura en Pontevedra por "respecto", segundo el mesmo declarou. "Nunca busquei o que vou ser agora e estou moi orgulloso de selo", dixo após anunciar que se presentaba a liderar o PPdeG.

Rueda quixo, máis unha vez, pór novamente en valor a "unidade" e a "xenerosidade" demostrada polos membros do PP da Galiza no proceso de substitución de Núñez Feixoo. Un proceso ao que se chega após un pacto entre os baróns provinciais do PP.

Precisamente, preguntado polos xornalistas a respecto dese apoio dos responsábeis provinciais do partido na Galiza e polo respaldo expresado por moitos militantes e cargos do PP, Rueda repetiu que se sente "moi honrado e cunha enorme responsabilidade".

A respecto diso, lembrou que todo proceso de transición ou substitución "non é sinxelo" mais que, no PP da Galiza, "fíxose da mellor maneira posíbel, demostrando unidade e moita xenerosidade por parte de moita xente". Un proceso que culminará "co que todos desexaban", un congreso.

"Todos poden presentarse"

Alfonso Rueda subliñou que, unha vez que está convocado este conclave, "todos os militantes poden presentarse" e "todo o mundo poderá manifestar a súa opinión", o que, sinala, "dá lexitimidade importante" á remuda de Núñez Feixoo á fronte da organización. "Eu agradezo que sexa así", concluíu.

Un total de 1.500 compromisarios serán os que elixan o novo presidente do PP no 18º Congreso do partido na Galiza, que decorrerá en maio en Pontevedra. Estes delegados estarán repartidos entre as catro provincias co dobre criterio de afiliación e representación electoral.

"A quinta maioría absoluta comeza hoxe"

Rueda insistiu no obxectivo de obter nas próximas eleccións galegas —no verán de 2024 se non se adiantan— unha "quinta maioría absoluta". E este obxectivo, engadiu, "empeza hoxe [pola sexta feira] e aquí".

Neste contexto, solicitou a axuda non só das bases do PP de Pontevedra, senón do resto de provincias, do mesmo modo que agradeceu aos outros tres 'baróns' territoriais galegos —Manuel Baltar (Ourense), Elena Candia (Lugo) e Diego Calvo (A Coruña)— que lle brindasen o seu apoio sinalándoo, a semana pasada, como "substitución lóxica" de Feixoo na Xunta e no partido. Por iso, enxalzou o "exemplo" que supón abordar a sucesión como un proceso "tranquilo".

Para o obxectivo de revalidar esa maioría receitou "unidade", a diferenza do que acontece agora, criticou Rueda, "nos partidos da oposición galega" [BNG e PSdeG]. Aliás, referiuse aos "extremismos, dun lado e doutro", para dicirlles que "non teñen cabida" no país. "O orgullo de ser galego é compatíbel con sermos españois, igual que falar galego con falar castelán", recalcou a continuación.

Comentarios