Alfonso Guerra, partidario de intervir ou suspender a autonomía de Catalunya se fai o referendo

O ex-vicepresidente socialista lamenta nunha entrevista en El País ''estes medos que hai, esta covardía,...'' de non aplicar o artigo 155 da Constitución (que habilita o goberno previa autorización do Senado a ''tomar medidas'') se Catalunya vai a unha consulta 'ilegal''.

Alfonso Guerra súmase a outras voces da política española que avogan pola man dura contra o proceso soberanista catalán. Se antes foi o seu compañeiro Belloch (ex-ministro de Interior e alcalde de Xaragoza) ou ex-compañeira Rosa Díez (UpyD), agora é Guerra quen opina que se debería intervir a Generalitat se se fai unha consulta sen consentemento do goberno central.

Guerra mesmo apunta que sería “obrigado” para o executivo de Mariano Rajoy botar man do artigo 155 da CE, que prevé as “medidas necesarias” de se ir contra “o interese xeral de España”. O ex-vicepresidente español afirma que “de se convocar un referendo e o Tribunal Constitucional di que é ilegal e malia iso a Generalitat segue adiante, supoño que o goberno español irá ao Senado a que lle autorice a tomar decisións”.


 

Comentarios