Acompañado de Francisco Vázquez

Alfonso Guerra advirte a Sánchez de pactos co “populismo e o nacionalismo”

A vella garda do PSOE continúa a súa marcaxe ás decisións de Pedro Sánchez. Esta terza feira, na Coruña, Alfonso Guerra advertíao de chegar a acordos co “populismo e o nacionalismo”. O ex vicepresidente de Felipe González compareceu ante a prensa acompañado de Francisco Vázquez, ex alcalde socialista da cidade que se deixou ver en actos electorais de Ciudadanos.
 

Alfonso Guerra
photo_camera Alfonso Guerra. Foto: cedida.

Guerra presentaba o seu último libro, La España en la que creo. Ademais do aviso contra acordos con Unidas Podemos, o nacionalismo vasco ou o independentismo catalán, tamén afirmou que considera “complicado” que Sánchez goberne en solitario. E escusouse de lle recomendar o diálogo con Ciudadanos -formación da que o discurso de Guerra non dista en exceso-, debido á “animadversión” entre Albert Rivera e o líder socialista.

O ex vicepresidente e ex deputado representa o pensamento do status quo e así se entorna en cada unha das súas declaracións. Para el, “un Parlamento moi fragmentado dificulta moitísimo a gobernación do país e iso non é moi positivo”. E a frase completa a respecto de hipotéticos achegamentos cos nacionalismos ou con Unidas Podemos foi: “Claramente non é moi recomendábel para o ben da nación”.

Comentarios