Entrevista

Alexandra Fernández: "Era o momento de dar un paso adiante e sumar co BNG"

"Ilusionada por achegar un gran de area a este proxecto". Así enfoca a ex deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández o reto electoral cara ao 5 de abril da man do Bloque Nacionalista Galego. Con este paso pretende "fortalecer" o espazo soberanista, sumando forzas coa formación liderada por Ana Pontón.
A número 3 da lista do BNG por Pontevedra, Alexandra Fernández (Nós Diario).
photo_camera A número 3 da lista do BNG por Pontevedra, Alexandra Fernández (Nós Diario).

Por que agora?

Hai unha serie de reflexións colectivas que viñemos dando un grupo de xente, durante este último tempo, de que para nós a alianza coa esquerda española estaba esgotada. Abríase un novo escenario e nós queríamos abrir un novo ciclo que pasase polo fortalecemento e a suma dentro dos partidos soberanistas. Cabe a posibilidade de pórlle fin á década negra de Feixoo e de abrir un novo tempo para Galiza, era o momento de dar un paso adiante e sumar co BNG.

Por que está "esgotada" a vía de entendemento coa esquerda estatal?

Porque entendemos que hai un principio básico que se debía cumprir que era a autoorganización, é dicir, que as decisións se tomasen na Galiza; e que tivésemos capacidade política para sacar adiante esa axenda propia. Pero como se demostrou cos feitos esa vía é incompatíbel coas posicións que está mantendo a esquerda estatal. Polo tanto, para nós a autoorganización é un principio irrenunciábel e este novo tempo ten que pasar pola aposta polas forzas soberanistas.

As que agora son ex compañeiras súas en Anova manteñen esta vía, como o valora?

Eu entendo que cada quen fai a súa reflexión e as súas lecturas políticas. Nós somos un colectivo de xente centrado en construír nesta nova etapa cunha actitude de suma. Queremos abrir un horizonte no que traballar a longo prazo e niso é no que estamos preocupadas neste momento.

Como vai ser este proceso de suma co BNG?

Entendemos que é un proceso que se ten que dar a longo prazo. Vimos dun tempo, no que foi o espazo de En Marea, no que as cousas se fixeron moitas veces con certa présa; e cremos que este é tamén un novo ciclo nas formas de facer política. Por iso queremos que este proceso sexa sosegado e con diálogo, para que as cousas se fagan ben. Encaramos isto a longo prazo, mais a incorporación nas listas co proceso electoral quere marcar un horizonte no que traballar. Non estamos centrados en como nos imos organizar, o importante agora é a cuestión electoral.

Quen forma parte deste grupo ao que representa?

Somos xente que participamos do espazo de En Marea e de Anova e levamos tempo en conversas. Xente que participa das mareas, outras que se foron desencantando e están na casa. Perfís diferentes que temos en común a idea de que neste momento fai falla sumar dentro do espazo soberanista.

No seu primeiro acto co BNG, onte en Vigo, coa candidata Ana Pontón, participaron persoas como Mariano Abalo, histórico dirixente da FPG. Forma parte deste grupo?

Hai un compromiso e unha vontade de traballar. Por iso damos este paso de sumar co BNG, porque pensamos que é a única forza política que sustenta un proxecto alternativo ao do PP. Cremos que é imprescindíbel apoiar o BNG para botalos da Xunta e abrir un novo tempo. A presenza de Mariano [Abalo] é importante polo significado que ten e, xunto a del, a doutras persoas que neste momento son concelleiras por diferentes mareas ou xente que quedou desencantada polo camiño. Creo que o principal obxectivo que ten este colectivo é o de canalizar a unidade do soberanismo.

Fala de "desencantadas" e vostede mesma puido acabar así coa política após o paso polo Congreso das Deputadas.

Eu máis que desencanto tiven un proceso de reflexión política. Había un espazo que críamos que ía defender unha serie de principios e foi frustrante ver que moitas cousas non se podían levar á práctica.

Quere ser a referente daquelas que apoiaron En Marea e agora non teñen unha papeleta predilecta?

Creo que máis que referentes hai que construír a longo prazo e de forma colectiva. O que fai falta é falar, dialogar, facer ese traballo sosegado e ese camiño que temos que percorrer.

Cales son as súas propostas para a Galiza nestas eleccións?

Precisamos pór fin a esta etapa do PP que deixa unha Galiza completamente exhausta. Xogámonos moitas cousas como país xa que en moitos aspectos estamos nunha situación de colapso: refírome ao reto demográfico, á situación dos recursos ecolóxicos e a súa explotación, á precariedade que existe a nivel social... Ou se reverten xa as políticas do PP, ou imos camiñando cara a unha situación moi negra. Estamos nun momento chave. A nivel estatal é moi importante ter unha voz que defenda desde a Xunta os intereses da Galiza e a súa posición no conxunto do Estado, algo que non fixo Feixoo en todo este tempo.

Levar o caso do Alvia ao Parlamento galego

Alexandra Fernández desenvolveu un papel moi activo na comisión de investigación do accidente do tren Alvia en Angrois, con 81 falecidas e máis de 140 feridas, que tivo lugar no Congreso. Cun cambio de Goberno na Xunta da Galiza poderíase abrir tamén unha comisión parlamentar no Parlamento galego, até o momento rexeitada pola maioría do PP. "Obviamente, co traballo que fixen no Congreso, gustaríame poder continualo. Pero iso é unha cuestión que compete á distribución de traballo colectivo que decidamos", explica, "pero é evidente que hai un traballo feito moi importante. Se se puxo en marcha aquela comisión foi grazas ao compromiso que houbo pola nosa parte. O PSOE segue xogando a pechar outra vez o tema en falso e imos pular por que se abra esa vía de investigación, se depuren responsabilidades e se lles dea xustiza e reparación ás vítimas".

Comentarios