Alexandra Fernández: "Seica Podemos estaba de broma cando falaba de creba democrática"

A parlamentar de Anova —aliñada con Luís Villares na frente interna— saíu ao paso dunhas declaracións realizadas por Íñigo Errejón en que este dirixente chamaba non a quebrar o modelo constitucional de 1978, senón a actualizalo.

Alexandra
photo_camera Alexandra

A proposta de Pedro Sánchez de ir a unha reforma constitucional limitada para eliminar os aforamentos en determinadas circunstancias está a provocar un intenso debate político sobre a necesidade, ou non, de ir a mudanzas de maior alcance.

Ao fío desa polémica, o dirixente de Podemos Íñigo Errejón —que en puridade non representa a liña oficial do partido ao terse distanciado do dueto dirixente formado por Pablo Iglesias e Irene Montero— marcou distancias coas propostas máis rupturistas co texto constitucional de 1978.

De feito, nunha entrevista en TeleMadrid, Errejón —candidato da formación morada á presidencia desa comunidade autónoma— defendeu que a Constitución de 1978 "nos ten dado 40 anos de moitos éxitos democráticos e sociais", ao tempo que, porén, advogada pola súa actualización co argumento de que non é un "floreiro chinés".

"Quero aproveitar para pedir desculpas se houbo parte das xeracións anteriores que se sentisen ofendidas como se nós viñésemos a dicir que había que facer borrón e conta nova [da Constitución e da transición]", dixo Errejón, quen enfatizou que a intención do grupo dirixente de Podemos é simplesmente "actualizar" a Carta Magna a "2018".

A reacción de Alexandra Fernández —deputada adscrita ao sector crítico de Anova e, portanto, persoa próxima á sensibilidade política de Luís Villares— vehiculizouse através de twitter. O que é chamativo é que a parlamentar non dirixa a crítica a Errejón ou ao errejonismo, senón indiscriminadamente ao conxunto de Podemos.

 

O chío revela até que punto é real a tensión no seo da confluencia e como existen concepcións políticas de difícil conciliación entre os distintos sectores do partido instrumental, e nomeadamente entre o villarismo e Podemos.

Comentarios