ALEXANDRA FERNáNDEZ, ANTE A EVENTUALIDADE DE EN MAREA NON TER GRUPO PROPIO

"Como somos un conxunto, responderemos colectivamente", di a portavoz de En Marea

O prazo para que as formacións políticas se constitúan como grupos parlamentares no Congreso remata esta terza feira, 19 de xaneiro, ás 20h. Preguntámoslle a Alexandra Fernández, portavoz de En Marea, polos plans da coligazón no caso de non poder crear grupo parlamentar propio.

Alexandra Fernández (Imaxe: En Marea)
photo_camera Alexandra Fernández (Imaxe: En Marea)

A un día do remate do prazo para a constitución dos grupos parlamentares no seo do Congreso, En Marea continúa a insistir na súa defensa dun grupo parlamentar de seu. En declaracións a Sermos Galiza, Alexandra Fernández, deputada que ocupa a Portavocía rotatoria da coligazón, sinala que “continuamos a contemplar o escenario e traballando para seguir defendendo o grupo parlamentar, porque PSOE, PP e Ciudadanos teñen que entender que cumprimos o que fixa a lei e non poden cometer unha fraude democrática”.

Alexandra Fernández acusa as citadas formacións políticas de “retorcer” a lei –refírese ao regulamento do Congreso- e de “facer unha malinterpretación” co fin de deixar “o 25% dos galegos sen representación”.

A portavoz de En Marea informa de "conversas constantes" con En Comú Podem e Compromís-Podemos para "buscar solucións compartidas"

A portavoz de En Marea, que non revela se a coligazón vai chegar a presentar formalmente a súa solicitude para a conformación do grupo, admite “conversas constantes” co resto de candidaturas de confluencia, “con cataláns e valencianos” –en alusión a En Comú Podem e a Compromís-Podemos-. “Temos un problema compartido e temos que buscar solucións compartidas. De feito, tratamos de falar cos partidos maioritarios na Mesa do Congreso para que o entendan”, asegura.

Preguntada sobre que acontecerá no caso de que, como parece, a Mesa do Congreso desbote a creación dun grupo parlamentar propio para En Marea, advirte que “de momento, non nos formulamos outro escenario. En todo caso, sempre que se nos denegase, tomaríamos as decisións colectivamente. Nun espazo onde existen diferentes voces temos a capacidade de chegar a acordos”.

"Eu non estou aquí como candidata de Anova ou de Podemos ou de EU e, como somos un conxunto, responderemos colectivamente"

Inquirida sobre a posibilidade de que En Marea recolla a proposta de En Comú Podem de crear un grupo parlamentar conxunto ou sobre a hipótese alternativa de que os deputados pertencentes a Podemos –Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez- se integren no grupo parlamentar de Podemos e a de IU, Yolanda Díaz, faga o propio con IU ou de que se integren todos e todas as parlamentares de En Marea no Grupo Mixto, Alexandra Fernández explica que “nós entendemos que nos presentamos baixo a candidatura de En Marea. Eu non estou aquí como candidata de Anova ou de Podemos ou de EU e, como somos un conxunto, responderemos colectivamente. Todos os deputados tomaremos a decisión de En Marea colectivamente”.

Comentarios