Alexandra Fernández considera que cómpre "reforzar o espazo soberanista"

Pontón valora a "coherencia en defensa da Galiza" da ex deputada de En Marea, que votou non aos orzamentos de Pedro Sánchez en 2019, e agora integra a candidatura do BNG por Pontevedra. 

BNG Vigo ana pontón alexandra fernández
photo_camera Alexandra Fernández e Ana Pontón en Vigo (BNG)

A ex deputada de En Marea e ex militante de Anova, agora candidata número tres na lista do BNG por Pontevedra para o 5-A, Alexandra Fernández, avanzou esta terza feira a súa "vontade" e a de "outros compañeiros que estiveron" nos espazos políticos dos que provén de "organizarse no espazo soberanista", un proceso que se fará após as eleccións galegas, e que requirirá unha reflexión "sosegada" e "a longo prazo".

Así o trasladou Fernández, nun acto celebrado en Vigo xunto á portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, e no que, ademais de cargos e militantes da fronte nacionalista, estaban presentes persoas procedentes doutra órbita política. “Queríamos sumar, dar un paso adiante e facelo co BNG porque somos conscientes de que o Bloque é a única organización que ten un proxecto alternativo para este país”, recalcou, en relación a súa incorporación e tamén ao apoio dun colectivo de persoas que viñan desenvolvendo o seu traballo político no espazo das Mareas e de Anova en Bueu, Cangas, Vigo, Rianxo, Santiago ou Ferrol. Entre eles, atopábase o concelleiro da coalición Alternativa Canguesa de Esquerdas en Cangas, Mariano Abalo, que foi histórico dirixente da FPG. Tamén estiveron Xulio Villanueva, de Bueu, que procede do espazo da marea; Antón Castro, que fora candidato e concelleiro de Rianxo en Común, ou David Rodríguez, autor de O canastro sen tornaratos.

Alexandra Fernández reiterou as razóns polas que deu o "paso" de integrarse na candidatura do BNG, froito dunha "reflexión colectiva" de persoas que concluíron que o modelo de alianza coas esquerdas "estatais" estaba "esgotado", fundamentalmente, "desde o momento en que obrigaba a facer renuncias". "Había que reforzar o espazo soberanista (...) e o BNG é a única organización que ten un proxecto alternativo para o país", recalcou.

Sobre como será a integración desas persoas 'descontentas' no espazo soberanista, a ex deputada sinalou que hai "vontade de organizarse", pero será resultado dun "percorrido a longo prazo". En todo caso, matizou, non querían permanecer "alleas" ao proceso electoral de abril e por iso deuse o primeiro paso da integración nas candidaturas do BNG. "Vimos dunha etapa na que se fixeron as cousas con moita présa, e agora hai que facelas de forma máis sosegada", indicou.

Fernández apuntou, así mesmo, que esa presenza nas listas do BNG permite ser "un referente para outras persoas que tamén queiran sumar no espazo do soberanismo", e é "un paso que crea moita esperanza e ilusión en moita xente".

"Cada vez máis incorporacións"

Pola súa banda, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, sinalou que a formación ten "cada vez máis incorporacións" e cada vez "máis xente ilusionada" ante a "oportunidade histórica de que o nacionalismo teña un papel preponderante na Galiza", todo iso como resultado dun proceso de "reflexión e renovación importante" iniciado fai catro anos.

Pontón agradeceu a incorporación de Alexandra Fernández ás listas, após un proceso de "diálogo franco", e puxo en valor a "coherencia" da ex deputada "en defensa de Galicia". Non en balde, Alexandra Fernández foi a única deputada de En Marea que votou en contra do proxecto de Orzamentos Xerais do goberno de Pedro Sánchez en febreiro de 2019.

A candidata nacionalista insistiu en que a súa formación fará unha campaña electoral "de debate de ideas", porque Galiza "necesita respostas propias" aos retos que ten sobre a mesa, fronte a un PP que ofrece "máis do mesmo". Por primeira vez, repetiu, Galiza pode ter "unha presidenta do BNG, sen ataduras".

Comentarios