Reaccións

Alexandra Fernández: “Os dados non son os que agardabamos”

A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, compareceu diante dos medios de comunicación para facer balanzo do resultado das eleccións. “Os dados non son os que agardabamos, pero tamén é certo que este proxecto se nutre dos movementos da rúa e a loita é longa e seguiremos a traballar no cambio político tamén a nivel do Estado”, apuntou.

[Imaxe: @EnMarea]
photo_camera [Imaxe: @EnMarea]

En Marea admitiu por boca dos seus candidatos e candidatas que os resultados das eleccións xerais non eran os esperados. “Supoñen unha mala nova para o cambio político no Estado español”, sinalou Antón Gómez Reino (Podemos), número 1 pola Coruña. Tamén Alexandra Fernández (Anova), número 1 por Pontevedra, recoñeceu que En Marea non agardaba eses resultados, após perder o escano de Ourense e baixar en número de apoios.

Malia a queda, En Marea tratou de lanzar unha mensaxe de optimismo, “a loita é longa e seguiremos a traballar no cambio político tamén a nivel do Estado”, afirmou Alexandra Fernández, quen chamou a “seguir pulando por que este proceso camiñe con vistas ao futuro”. Na mesma liña, Gómez Reino apelou ao “compromiso do traballo e do día a día, nese espazo das mareas que irá pouco a pouco indo máis alá”.

Tamén compareceu diante dos medios Yolanda Díaz (IU), quen asegurou que hai “unha marea viva que rexurde e temos a experiencia dabondo para desde mañá comezar a traballar polo futuro, empezar unha nova andaina no noso país”.

Rajoy: “Reclamamos o dereito de gobernar para todos os españois”

Mariano Rajoy foi o último dos líderes políticos en comparecer diante da imprensa. Na súa intervención anunciou que esta segunda feira encetará as conversas para formar goberno. “Reclamamos o dereito a gobernar para todos os españois, para quen nos votaron e para quen non”, salientou. “Gañastes as eleccións porque tivestes fe na vitoria. Teño que darlle as grazas a todos. Foi duro e difícil mais demos a batalla, sen poñernos ás ordes de ninguén, por España e polos intereses dos españois”.

Sánchez: “O PSOE é o partido hexemónico da esquerda”

Na súa comparecencia diante da imprensa, Pedro Sánchez, líder do PSOE, asegurou non estar satisfeito, “queriamos gañar estas eleccións e non o conseguimos, pero, con todo, somos a primeira forza política da esquerda”. “Malia as dificultades extraordinarias e as expectativas, o PSOE volveu confirmar a condición de partido hexemónico da esquerda”, engadiu.

Pablo Iglesias: “Non estamos en ningún caso satisfeitos cos resultados”

Unha das intervencións máis esperadas da noite era a de Pablo Iglesias, quen compareceu, xunto con dirixentes de Podemos como Errejón –cun rostro de enfado- ou de IU como Alberto Garzón. Iglesias admitiu que “non estamos en ningún caso satisfeitos cos resultados”. Tratou de quitarlle ferro ás cifras, afirmou que “a madurez en política ten a ver con xestionar os momentos doces e os menos doces” e negou que Podemos teña teito.

Albert Rivera: “Se se poñen as cadeiras por diante, Ciudadanos estará na oposición”

O candidato de Ciudadanos, Albert Rivera, compareceu para convidar o PSOE e PP a sentar para formar goberno. Dixo ter “só unha condición”: non poñer as cadeiras por diante. “Se é así, Ciudadanos estará na oposición”. Rivera salientou os resultados obtidos, “máis de tres millóns de españois dixeron que queren centro, que queren un cambio a mellor e que non queren corrupción”.

Comentarios