Os alcaldes de Vigo e A Coruña manobran para eludir as acusacións por enchufismo

Abel Caballero e Carlos Negreira foxen dos debates sobre corrupción que afectan á súa xestión, a menos de dous meses das eleccións municipais.

Carlos Negreira (esquerda) e Abel Caballero (dereita) Fotos: FEMP
photo_camera Negreira e Caballero (Fotos: FEMP)

 

As acusacións por ‘enchufismo’ nos concellos de Vigo e da Coruña teñen acurralados aos seus líderes, a menos de dous meses das eleccións municipais. Os alcaldes Abel Caballero (PSOE) e Carlos Negreira (PP) sortearon esta semana as esixencias da oposición política, que pedía un debate público sobre as denuncias. 

O rexedor vigués evitou unha primeira solicitude do PP para celebrar un pleno extraordinario por cuestións formais. Viuse na obriga de convocalo tras unha segunda petición, pero puxo todas as trabas ao seu alcance. Limitou a sesión a vinte minutos, con intervencións de cinco para cada grupo e sen dereito a réplica. 

Caballero viuse na obriga de convocar un pleno extraordinario, pero puxo todas as trabas ao seu alcance.

Caballero inhibiuse e delegou as explicacións no concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, malia que as denuncias sinalan á súa man dereita e tenente da alcaldía, Carmela Silva. O edil socialista xogou a mesma baza que Silva nos últimos días e desviou o debate sobre as investigacións por corrupción que afectan ao PP. 

O Bloque, por medio da súa voceira, Iolanda Veloso, lamentou que durante meses o PSOE de Vigo non deu explicacións aos numerosos procesos xudiciais que afectan ao Concello.

Negreira veta o debate

Estratexia similar seguiu o alcalde da Coruña. Negreira tombou sendas peticións de BNG e EU grazas a maioría absoluta do seu grupo, evitando pronunciarse sobre se coñeceu e consentiu ‘enchufes’ en concesionarias municipais nas que tería mediado presuntamente Julio Flores, o seu número dous.

Negreira tombou sendas peticións de BNG e EU para dar explicacións grazas a maioría absoluta do seu grupo.

Flores, imputado na investigación, si aproveitou o penúltimo pleno do ano para presentarse como unha vítima, “masacrada publicamente por meras sospeitas”, dixo. Da alegación de defensa pasou ao ataque e sinalou a outra parte do sumario que implica ao PSOE coruñés.

Decenas de contratos baixo sospeita

No caso da Coruña, as investigacións apuntan a 54 contratos sospeitosos de amaño coa empresa Vendex, destapadas hai un ano no último auto da Operación Pokemón.

En Vigo xúntase a imputación da cuñada de Carmela Silva e tres altos funcionarios do Concello, coas acusacións do exalcalde socialista, Carlos Príncipe, que deu a coñecer até 28 casos, sen descartar máis. Algunhas das súas denuncias serviron de base para a Operación Patos, que afecta tamén a empresas que xestionan servizos públicos. 
 

Comentarios