Maiorías

Nove alcaldes gañan con absolutas superiores ao 80%

O 26M deixa nove municipios galegos onde a forza gañadora alcanzou maiorías absolutas que superan o 80% dos votos. Delas, 6 son para o PP (Beariz, Esgos, Quintela, Vilarmaior, Sarreaus e Friol), 2 para o PSdeG (Dumbría e Ourol) e outra para Xuntos (Vilar de Santos).

Concello de Vilar de Santos
photo_camera Concello de Vilar de Santos

En nove municipios da Galiza álzanse as alcaldías colleitando cotas absolutas de apoio que superan o 80% dos votos emitidos. A veciñanza votou case por unanimidade nestas localidades dando o bastón de mando ao PP en Beariz, Esgos, Quintela, Vilarmaior, Sarreaus e Friol. As alcaldías do PSdeG con máis do 80% dos sufraxios nas urnas son en Dumbría e Ourol, mentres que Xuntos (En Marea) gaña en Vilar de Santos copando todas as actas do consistorio.

O PP gaña 6 alcaldías con máis do 80% dos votos

En Beariz o PP segue na alcaldía con Manuel Prado. A pesar de baixar en votos, consegue o 482 votos (89,42%) e todos os 7 asentos cos que conta o pleno municipal, arrebatando así a única acta que obtivera SON (mareas) en 2015.

No concello natal de Xose Luís Baltar, Esgos, o PP arrasa con 640 votos (80,50%), obtendo 6 actas mentres que o PSdeG mantén o seu edil co 18,74% dos sufraxios. Así as cousas, o alcalde será Mario Rodríguez.

En Quintela de Leirado José Antonio Pérez fai pleno no consistorio e logra os 7 asentos en xogo para o PP, desaparecendo así o único que tiña o PSdeG. Baixa en votos o PP, logrando 385 fronte os 51 do PSOE, mais a formación conservadora sobe en porcentaxe (88,10%).

En Sarreaus o PP leva 8 actas con 701 votos (82,96%) para o alcalde Gumersindo Lamas, mentres que o PSdeG fica con 1 acta e 133 votos (15,74%).

En Vilarmaior só concorreu o PP e ocupa por tanto todas as actas obtendo os 9 asentos do consistorio con 628 sufraxios (87,59%). Desaparece así o BNG que en 2015 gañara unha acta e que desta vez non presentou candidatura.

En Friol o PP quita dúas actas ao PSdeG e segue na alcaldía pasando de 8 a 10 edís e sobe do 64,21% nos anteriores comicios ao 81,27% actual. O PSdeG cae das 3 actas e retén unha soa.

Os alcaldes absolutos do PSdeG: Dumbría e Ourol

En Dumbría Xosé Manuel Pequeno estará na alcaldía pese ao seu partido, o PSdeG retroceder unha acta. Continúa aínda así folgado na súa maioría absoluta con 9 concellarías e os 1.526 votos (80,83%). O PP sobe e pasa de ter un único edil a contar con 2 e 340 votos (18%).

En Ourol os resultados respecto das anteriores municipais mudaron salientabelmente. O PSdeG dá o salto pasando das 4 actas ás 8 con Xosé Luís Panxón á cabeza, cunha maioría absoluta de 633 votos (81,78%), deixando o PP relegado a un só edil (en 2015 o PP tiña 3 actas e Compromiso por Galicia 2).

Xardón gaña todas as actas a pesar das siglas polas que se presente

En Vilar de Santos o alcalde Xoan Xosé Jardón leva varios procesos mantendo a totalidade das actas baixo diferentes siglas (BNG primeiro e logo Compromiso por Galicia). Agora revalida a totalidade das actas coa candidatura Xuntos Vilar de Santos (dentro do espazo político de En Marea) con 490 votos (64,19%), 66 votos PP (11,34%) e 22 votos PSOE (3,78%).

Comentarios