Alcaldes do BNG, partidarios de converxer en listaxes abertas con Podemos e IU

Movimentos no seo da fronte nacionalista. Algúns alcaldes próximos ao líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, son partidarios de ir ás municipais en listaxes abertas.


O debate sobre a forma de concorrencia do BNG ás eleccións municipais está aberto. No seu discurso do 25 de Xullo, o portavoz nacional, Xavier Vence, marcou o camiño no que aposta a dirección da fronte nacionalista: unidade, si, mais dentro do proxecto nacionalista, ou sexa, sen vínculos con organizacións políticas que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

O BNG considera que na actual conxuntura política -marcada pola dialéctica entre as nacións sen Estado e Madrid, e nomeadamente polo ascenso do independentismo en Catalunya- sería un suicidio político para Galiza que o nacionalismo fixese un mutis polo foro nunhas eleccións da transcendencia das municipais, pórtico, aliás, das xerais que Rajoy debería convocar a finais de 2015.

"Aquí vaise acabar abrindo un proceso que ou ben será de reforma da Constitución ou ben será constituínte e nel a Galiza ten que ser actora e non espectadora. Iso pasa polo fortalecimento do nacionalismo", afirman fontes da dirección do BNG a Sermos Galiza. "O Día da Patria Galega viuse que hai cancha para alargar e fortalecer o espazo do nacionalismo na Galiza. Hai potencial e o noso obxectivo é ensancharmos a base social do soberanismo. Daí que teñamos convocadas as asembleas abertas ao longo de todo o País".

"Aquí vaise acabar abrindo un proceso que ou ben será de reforma da Constitución ou ben será constituínte e nel a Galiza ten que ser actora e non espectadora", din a Sermos Galiza fontes da dirección do BNG

Esa posición da dirección non a partillan algúns alcaldes do BNG situados na contorna máis próxima ao líder de Abrente, Carlos Aymerich.

Soberanistas con militantes da esquerda española

Aymerich ten defendido, nun artigo publicado en Praza.Gal, a conveniencia de o nacionalismo engrosar candidaturas cidadás abertas, isto é, listaxes en que as e os soberanistas deberían conviver con militantes da esquerda española.

Segundo publica esta cuarta feira o Faro de Vigo, nunha información asinada por Daniel Domínguez, alcaldes do BNG como os de Bueu, Vimianzo, Zas ou Monforte respaldarían agora ir nas municipais en candidaturas abertas á participación de IU ou Podemos.

"Contaría na súa listaxe con militantes de EU de se producir o caso?", pergunta Faro de Vigo ao alcalde de Bueu, Félix Juncal. "Por suposto", responde este, quen apela ao BNG a que sexa "permeábel aos sentimentos da cidadanía a favor da converxencia e na procura de afinidades".

Comentarios