PROTESTAS POLOS RECORTES

Alcaldes de Lugo organízanse para reivindicar servizos sociais ante a Xunta

Rexedores de BNG, PSOE e independentes farán causa común contra a eliminación da atención ao fogar en todos os concellos menos a capital.

Reunión de alcaldes de Lugo
photo_camera Reunión de alcaldes de Lugo

A área de Benestar social da Deputación de Lugo, en mans do BNG, organizou unha xuntanza coa práctica totalidade dos alcaldes da provincia na que se analizou a problemática xurdida logo do decreto da Xunta no que elimina o financiamento da prestación da axuda no fogar (SAF) aos concellos menores de 20.000 habitantes, todos os de Lugo menos o propio concello da capital. Na reunión decidiuse crear unha comisión para exixir ante o goberno autonómico o mantemento dos servizos sociais. Porén, o PP negouse a participar neste grupo.

Segundo Antonio Veiga, do BNG, “o novo modelo de financiamento do servizo de axuda no fogar é o correlato lóxico da política de recortes do gasto social que está a levar adiante o Goberno da Xunta e o do Estado, realizando durísimos axustes que van en contra das maiorías sociais e dos máis necesitados e derivando as competencias a outras administracións”.

Da comisión escollida para estabelecer unha negociación coa Xunta, na que están os nacionalistas galegos mais tamén PSOE e Independentes participarán o propio Severino Rodríguez, alcalde de Monforte polo BNG, Darío Campos, rexedor da Pontenova polo PSOE e outro membro por confirmar.

Comentarios