Alcaldías sen data de caducidade

Media ducia de rexedores galegos gobernan desde as primeiras eleccións municipais (1979), algúns mesmo desde antes, e concorren nesta cita do 24 de maio.

Ramirás
photo_camera Otilia López, alcaldesa de Ramirás desde 1975, con A. Rueda

Un millón de galeg@s non naceran cando eles comezaron a gobernar, o que supón o 40% dos habitantes actuais da Galiza. Son a media ducia de alcaldes que levan no poder desde, como mínimo, as primeiras eleccións municipais despois do franquismo, que se realizaron o 3 de abril de 1979, e que volven recuncar na cita deste 24 de maio. Brión (A Coruña), Taboadela, Ramirás, Quintela de Leirado e Beade (Ourense) son concellos nos que as súas veciñanzas só coñecen un alcalde desde a fin do franquismo.

O rexedor de Brión, José Luis García (PSOE), mantén o bastón de mando desde que gañou as municipais do 79. Unha cita, a de 1979, que xa colleu na cadeira de rexedor a Otilia López (Ramirás) ou Gallego Vila (Taboadela), así como Senén Pousa (Beade). Décadas na alcaldía atesoura tamén Pérez Cortes en Quintela de Leirado. Todos eles do Partido Popular.

O candidato con máis idade é -con 81 anos- Adolfo Campos (Dozón), do PP, os máis novos son -con 20- Aitor Rodríguez (A Fonsagrada), do BNG, e Ane Rivas (Paderne de Allariz), do PSdeG

A piques estivo de entrar neste ‘selecto grupo’ José Costa, de Covelo, rexedor desde 1975, mais problemas de saúde obrigárono a demitir a finais de 2014, con 39 anos de rexedor ás costas. Tamén era do PP, como dese partido é o candidato de máis idade que se presenta a estas eleccións, Adolfo Campos, de Dozón, que con case 81 anos aspira a recuncar no posto de alcalde. No outro extremo, Aitor Rodríguez, que encabeza a listaxe do BNG en A Fonsagrada; e Ane Rivas, candidata polo PSdeG en Paderne de Allariz. Ambos os dous teñen 20 anos de idade.

Un total de 20.619 persoas fan parte na Galiza das 1.199 candidaturas que concorren nestas eleccións. No 15% dos 314 concellos galegos concorren só 2 candidaturas e nun 39% son 3 as listas que se presentan ao 24M.

Comentarios