DíA DA PATRIA GALEGA

Os alcaldes das marés non asistirán á marcha do 25X

Martiño Noriega sinala problemas de axenda por mor dos actos institucionais do 25 de xullo e Xulio Ferreiro atribúe a súa decisión a non querer que se produzan malas interpretacións electorais. 

Óscar Corral _ Compostela Aberta
photo_camera [Imaxe Óscar Corral/Compostela Aberta]

Fontes consultadas por Sermos Galiza apuntan que o alcalde de Compostela e coordenador nacional de Anova, Martiño Noriega, non poderá acudir á marcha convocada para as 12h desde a Alameda por mor da súa axenda institucional. Neste senso, o rexedor da capital de Galiza recibirá ás 10:30h o delegado rexio que suprirá Felipe de Borbón nos actos oficiais do 25 de xullo, embora non asistirá á tradicional misa do Apóstolo, como xa avanzou con anterioridade. 

Porén, si representará a cidade nos actos civís que decorran con posterioridade, a partir das 12:30h, a comezar pola recepción no Pazo de Raxoi que previsibelmente rematará por volta das 14:30h. 

Pola súa banda, Xulio Ferreiro tería decidido non facer parte na manifestación do Día da Patria convocada polo grupo promotor do Manifesto pola Unidade. O rexedor da Marea Atlántica asegurou que a decisión visa fuxir de que da súa asistencia se puiden realizar malas interpretacións electorais. 

Fontes consultadas por Sermos Galiza sinalan que esta quinta feira (23 de xullo) unha asemblea da Marea Atlántica podería abordar a participación desta plataforma cívica. Porén, afirman que representantes do goberno local é case seguro que asistan á marcha. 

Segundo recolle a edición impresa do xornal La Voz de Galicia, pola súa banda o alcalde de Ferrol asegura non ter decidido aínda se participará ou non. 

Comentarios