“CIDADES POLO BEN COMúN”

Alcaldes das mareas municipalistas reivindican o “cambio imparábel”

No marco do encontro “Cidades polo Ben Común”, impulsado por candidaturas municipalistas, rexedores das mareas reivindicaron na tarde do sábado o “cambio imparábel” fronte á política partidista de PP e PSOE.

marea
photo_camera [Imaxe: Marea Atlántica]

Diante dunhas 1.500 persoas, alcaldes das candidaturas municipalistas erixíronse como o “cambio” fronte ao modelo do bipartidismo. Martiño Noriega, alcalde de Compostela, foi o primeiro en intervir nun acto que tivo lugar no Palexco da Coruña. “Non entenden que as cousas están cambiando”, sinalou, en alusión ao PP e o PSOE. A continuación, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, salientou que o feito “polos de abaixo” nas eleccións municipais foi “épico” e apelou a traballar de cara ás eleccións xerais, “xogámonos moito”.

O alcalde de Valencia, Joan Ribó, tamén insistiu en enxalzar o “cambio imparábel” de maio e apelou a “dicir basta” á “democracia de baixa calidade e aos amiguismos”. Tamén interveu o alcalde de Cádiz, José María González, quen demandou “o dereito da xente a vivir con dignidade aquí, en Cádiz, en París, en Siria, en Beirut ou en Palestina”.

Xulio Ferreiro: "Van perdelo todo, señor Feijóo"

O rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, definiu como unha “ditadura” os gobernos “deles”, en alusión a PP e PSOE, “coa nosa forza, venceremos nós”. O seu homólogo de Zaragoza, Pedro Santiesteve, criticou “as políticas da guerra” que representan os recortes de dereitos e defendeu unha “solidariedade redistribuida”. Fechou o acto o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, quen se amosou convencido de que o PP “perderá as eleccións xerais e as autonómicas”. “Van perdelo todo, señor Feijóo”, espetou o líder da Marea Atlántica, quen lle advertiu ao presidente da Xunta que “maio só foi o principio”.

Amais de representantes de concellos estatais, participaron no acto, no que se berraron consignas contra unha posíbel participación militar do Estado español en Siria, o portavoz e a viceportavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, así como o dirixente de Podemos Íñigo Errejón.

Comentarios