Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

“Os alcaldes e alcaldesas do PP están encantados coa Deputación”

Hai dous anos e medio que a socialista Carmela Silva (Vigo, 1960) tomou posesión como presidenta da Deputación de Pontevedra, despois dun pacto co BNG. Remataba así a longa hexemonía do PP, salferida de sospeitas sobre a legalidade de certas actuacións. “A maioría das obras en marcha da época Louzán tiñan gravísimas irregularidades”, asegura. Agora presume de políticas medio ambientais e de equidade. Eis un extracto da entrevista que publicamos no Sermos Galiza 282.

carmela_silva

3Como avalía dous anos e medio á fronte da Deputación?

Desde a humildade, fixemos unha transformación radical da Deputación de Pontevedra. Fixémola transparente. Tomamos todas as decisións con base a que houbese máis dereitos e máis equidade. E facemos as cousas sen cometer ningunha irregularidade. Antes, a maioría dos proxectos tiñan serias irregularidades. Nós somos un goberno aberto, que pensa no desenvolvemento dos concellos e da veciñanza. Ademais, cambiamos radicalmente as políticas.

Evitan o clientelismo tradicionalmente asociado á Deputación de Pontevedra? Como?

É unha loita. Contra o clientelismo, o caciquismo e a capacidade do presidente de ter libre disposición dos cartos. El decidía persoalmente canto se investía e onde. Non pode ser. A xente esixe transparencia, bos gobernos e boas prácticas. E que se repartan os recursos de forma equitativa. Rachamos con ese modelo. Son os concellos, directamente elixidos pola cidadanía, os que deciden. Corenta millóns en 2016, 41,2 millóns en 2017 e agora en 2018 42 millóns. Este ano permitimos presentar grandes proxectos que precisan máis recursos: poden usarse recursos da liña de investimentos do plan de 2019. Algúns concellos non reciben apoio da Xunta en competencias que son exclusivas dela e nós somos o seu apoio.

Como reciben os concellos esta mudanza nas prácticas políticas?

Están encantados. Os gobernados polo BNG, polo PSdeG, por independentes ou polas Mareas. Pero particularmente están encantados os alcaldes e alcaldesas do PP. Cal era o temor dos alcaldes e alcaldesas do PP? Que chegásemos nós e fixésemos o mesmo que eles ao revés. Investir nos concellos onde gobernamos. Levaban toda a democracia vendo iso e xeráranse moitos desequilibrios. Había concellos do PP que tiñan tres pavillóns deportivos e concellos gobernados polo BNG ou polo PSdeG que non tiñan nin un. Cando ven un plan concellos equitativo, que respecta a autonomía local, pois están encantados. Que ocorre? Que o señor Rueda non lles deixa dicilo publicamente. Pero en privado e falando con outros alcaldes din que están encantados e que este é o modelo. O señor Louzán tiña 20 millóns de euros a libre disposición. El decidía! Sobre infraestruturas e sobre asociacións. Incumpría a lei de subvencións. Era terríbel o que pasaba aquí! Clientelismo e caciquismo. Isto provocou que a xente tivese unha imaxe tan negativa das deputacións, particularmente da de Pontevedra.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 282 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios