sábado 27/11/21
Indignación nos partidos ante o silencio do PP

O alcalde de Vilanova de Arousa chama “chacha para todo” á presidenta da Deputación

Gonzalo Durán, alcalde Vilanova de Arousa polo Partido Popular, referiuse á presidenta da Deputación de Pontevedra como “chacha para todo do anciano alcalde de Vigo”. As reaccións políticas non se fixeron agardar. Os alcaldes socialistas da provincia esixen a súa expulsión do PP e En Marea, a súa dimisión.
 

gonzalo-duran-hermida-archivo-e1440238215614
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán. Foto: cedida.

“Censuramos as continuas faltas de respecto e as actitudes machistas do PP”, expoñen os rexedores socialistas nunha carta dirixida a Alberto Núñez Feixoo en que reclaman “a súa inmediata expulsión do PP”. “Cada segundo que pasa sen que ninguén do PP saia a condenara estas noxentas palabras, cada segundo que pasa sen que os conservadores tomen medidas contra Durán, é un segundo máis de ofensa ás mulleres”, engaden, “o machismo é unha lacra a extirpar da política e da sociedade”.

Non só o PSdeG, partido ao que pertence a presidenta da Deputación Carmela Silva, amosaron o seu rexeitamento público. A portavoz nacional do BNG expresaba a través das redes sociais a súa “solidariedade”. “Fartas de tanto machismo”, escribía, “ningún home ten dereito a falar así dunha muller. Que o faga un alcalde é indecente”.

En Marea enviou un comunicado aos medios de comunicación en que o seu portavoz, Luís Villares, afirma que Durán “debe dimitir. Se non o fai, o PP e o seu presidente Feixoo deben pedir o seu cesamento e retirarlle a súa confianza”.

Villares relacionou as decleracións do alcalde Vilanova de Arousa con outros casos que afectaron a representantes do PP: “No PP estas actitudes machistas non son novas. Pasou co alcalde de Noia e segue pasando co alcalde de Palas de Rei, condenado por acoso a unha secretaria municipal [este si se deu de baixa no partido conservador aínda que segue a gobernar co apoio dos seus edís]”.

O alcalde de Vilanova de Arousa chama “chacha para todo” á presidenta da Deputación
comentarios