Noriega admite ter "pouca marxe de manobra"

O alcalde de Santiago delega seis áreas da súa competencia

Martiño Noriega axustou as competencias municipais no ecuador do mandato, coa delegación de seis áreas súas, e introduciu persoal de confianza nas direccións de Urbanismo e da Asesoría xurídica.

 

compostela.aberta
photo_camera Integrantes de Compostela Aberta, entre eles o seu líder, Martiño Noriega

Os cambios de competencias foron realizados co obxectivo "de repartir a carga de traballo" e estiveron condicionados "porque hai pouca marxe de manobra no goberno con menos efectivos da historia do Concello", recoñeceu o rexedor compostelán.

Así, Noriega delega as áreas de Participación e Relacións veciñais, eixos da campaña de Compostela Aberta, en Jorge Duarte que, á súa vez, perde Obras e Mantemento en favor de Rafael Peña.

Despréndese tamén o alcalde de Contratación e Arquivo, que pasan a mans de María Rozas; e de Innovación e Informática, que asume Xan Duro. A área de Mercados recaerá en Noa Morales, en detrimento de Marta Lois que foi designada terceira tenente de alcalde, en substitución de Branca Novoneyra.

Produciuse tamén o nomeamento de Xaquín Monteagudo como director da Asesoría xurídica municipal e de Ana Prieto como xefa do Servizo de Licenzas e Urbanismo. Segundo expresou Martiño Noriega, isto débese "a unha ruptura de confianza porque a persoa cesada -en referencia a Berta Rosón- non estaba aplicando correctamente as instrucións pactadas nas Mesas de Hostalería, nin respectaba os convenios que o goberno asinara con asociacións culturais da cidade para a celebración de actuacións de música ao vivo".

Por parte da oposición, Agustín Hermández (PP) definiu o alcalde como "mestre do escapismo" ao presentar un novo reparto de competencias "que non contribúe a nada"; Francisco Reyes (PSOE) cualificou como "cambio de cromos" esta reorganización e lamentou a falta de "autocrítica do alcalde"; e Rubén Cela (BNG) sinalou como "decepcionante esta pseudoremodelación, porque perdeu unha oportunidade de ouro para corrixir o mal funcionamento", xa que estes cambios "non van na dirección que necesita a institución".

Comentarios