O PSOE de Samos expulsa o actual alcalde, Julio Gallego, tras apoiar a fichaxe do seu fillo polo PP

Gallego afirmou sentirse "de dereitas" tras afastarse "por descontento" da formación socialista.
O actual alcalde de Samos, Julio Gallego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O actual alcalde de Samos, Julio Gallego. (Foto: Europa Press)

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Samos, na comarca de Sarria, rexistrou esta cuarta feira no Concello un escrito no que informa da expulsión desta formación do aínda alcalde, Julio Gallego, que pasará a ser concelleiro non adscrito tras coñecerse a fichaxe do seu fillo, Miguel, polo PP para ser o candidato á Alcaldía.

Esta decisión, acordada pola maioría dos edís socialistas, xustifícana alegando que Gallego vén protagonizando nos medios de comunicación diferentes declaracións e actuacións de "extrema gravidade, incompatíbeis coa pertenza ao grupo municipal", desde que transcendeu a noticia do seu fillo.

Os socialistas consideran que o rexedor fixo declaracións públicas nas que manifestou "intereses e accións que van en contra do PSOE", chegando a asegurar mesmo que apoiará outra formación política para as eleccións municipais de maio.

"Agora considérome de dereitas", dixo Julio Gallego nunha entrevista recente en El Progreso na que tamén asegurou que pensa apoiar a candidatura do seu fillo, a do Partido Popular, tras afastarse dos socialistas "por descontento".

Ante esta situación, o grupo municipal ratifica o seu "pleno apoio e confianza" na candidatura á Alcaldía de José Antonio García Jurjo, "cun proxecto que ten como única prioridade o interese e o progreso de todos os veciños de Samos".

"Temos que fechar este esperpento e apostar por unha candidatura gañadora, que coloque a política municipal de Samos ao nivel que merece, lonxe do Falcon Crest familiar que está a montar o PP", sosteñen.

A finais do pasado mes de febreiro transcendeu que o PP de Lugo fichara Miguel Gallego, fillo do actual rexedor de Samos polo PSOE, para encabezar a candidatura popular neste municipio. Tras iso, o propio alcalde confirmou que deixara de pagar a cota de afiliado do Partido Socialista e que se retiraba da carreira do 28M.

Comentarios