O alcalde de Samos polo PSdeG recoñece ser de "dereita" e o partido ameaza con expulsalo

"No caso de que faga algún acto contrario ao partido socialista, concretamente dando o seu apoio a outro partido diferente do que está a representar como alcalde de Samos, será expulsado", indicaron desde o PSdeG.
O actual alcalde de Samos, Julio Gallego. (Foto: Europa Press)
photo_camera A actual alcalde de Smoas, Julio Gallego (Foto: Europa Press).

O PSdeG advertiu publicamente esta sexta feira ao alcalde de Samos, Julio Gallego, de que será expulsado do partido se actúa en contra da formación.

O rexedor deste municipio da comarca de Sarria anunciou que non se presentará á Alcaldía á vez que o seu fillo foi fichado polo PP para encabezar a súa lista.

O aínda alcalde de Samos afirmou que quen gañara as eleccións fora el e a súa "lista", á marxe de siglas e confirmou que deixara de aboar as cotas do partido.

Ademais, recoñeceu contactos cos populares, aínda que afirmou que non está incluído en ningunha lista. Tamén se declarou de "dereita" en palabras ao xornal El Progreso.

A secretaria de Organización do PSdeG de Lugo, Pilar García Porto, confirmou que Julio Gallego non pediu a súa baixa como militante, só deixou de pagar a última cota.

"No caso de que faga algún acto contrario ao partido socialista, concretamente dando o seu apoio a outro partido diferente do que está a representar como alcalde de Samos, será expulsado", remarcou.

García Porto, sobre esa declaración de "dereita", expresou que "se se converte en feitos reais de apoio a outra forza política, será o que leve a que teña que abandonar o PSdeG.

Como xa confirmaron fontes socialistas esta quinta feira, Pilar García Porto ratificou que o PSdeG xa ten candidato para o 28 de maio en Samos. "É un candidato que nos ofrece posibilidades serias de ser un candidato gañador, porque está ben relacionado a nivel político, tamén a nivel social no concello.

Neste sentido, tampouco temos gran preocupación", sentenciou.

Comentarios