O alcalde de Ribeira, ás portas dunha moción de reprobación

O rexedor, Manuel Ruíz, negouse a acatar unha moción aprobada no derradeiro pleno de setembro cos únicos votos en contra do Partido Popular. A proposta, presentada polo Partido Barbanza Independente (PBBI), asume as demandas de aparcadoiro das familias das usuarias do centro de día de alzhéimer, que solicitan o uso extraordinario das prazas de carga e descarga próximas ao lugar.
concello de ribeira Foto de Xornal Certo
photo_camera As familias das usuarias de Agadea (Ribeira) piden máis facilidades de aparcamento e acceso ao centro de día de Alzhéimer.

A moción presentada polo PBBI aprobouse no pleno do 30 de setembro cos votos a favor de todos os partidos, salvo o Partido Popular, responsábel do Goberno en minoría. Malia saír adiante, o alcalde asegurou no transcurso da sesión que “non vai cumprir unha proposición que é ilegal e que ningún veciño lle expuxo directamente”, e advertiu que “ningún concelleiro lles vai permitir aparcar en carga e descarga”, ao considerar atendidas as melloras de estacionamento solicitadas pola dirección do centro.

Desde o primeiro momento, as familias das usuarias da Asociación Galega de Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (Agadea) defenderon que as súas demandas, recollidas na moción aprobada polo pleno, se axustaban ao ordenamento municipal e que, pola contra, os argumentos do alcalde máis do concelleiro de tráfico contraviñan a normativa do Concello.

Uso legal das prazas de carga e descarga

Sabedores de que a Ordenanza de Circulación municipal contempla a posibilidade de que o concello dea “autorizacións excepcionais para que determinados vehículos ou usuarios poidan utilizar as zonas de carga e descarga, pero en todo caso, por un tempo non superior a 30 minutos. Tales autorizacións acreditaranse mediante tarxetas concedidas pola administración municipal a través da Policía Local”, Barbanza Independente solicitou un informe do secretario do Concello que, finalmente, avalou a moción cualificada de ilegal polo rexedor.

“Unha vez o secretario confirmou por escrito que a moción está en regra coa normativa municipal”, asegura o concelleiro do PBBI a Sermos Galiza, “pedímoslle ao alcalde que rectifique publicamente e que pida desculpas; a nós, aos outros grupos políticos e ás familias afectadas que se molestaron en recoller centos de sinaturas para facer valer as súas demandas. Que quede constancia de que faltou á verdade, que rectifique e faga efectivo o acordo plenario”.

Desde Barbanza Independente cuestionan “a prepotencia e a falta de talante” do rexedor á hora de acatar unha medida social aprobada por maioría. Por iso, insisten, de non pedir desculpas nin acatar a iniciativa, levarán adiante unha moción de reprobación tanto de Manuel Ruíz, como do concelleiro de tráfico Víctor Reiriz.

Falta de rigor e sensibilidade

As familias das usuarias do centro de Alzhéimer láianse da falta de rigor e sensibilidade do alcalde de Ribeira coas melloras de acceso e mobilidade que levan reclamando catro anos. Máis facilidades e novas prazas de aparcamento para poderen deixar os seus chegados ás portas do centro asistencial.

A carencia dun estacionamento propio, máis aló das tres prazas exclusivas que adoitan ocupar as furgonetas da asociación, obrígaos a aparcar lonxe e a acompañar a pé as persoas enfermas con mobilidade reducida ou en cadeiras de rodas. Segundo din, moitos días percorreren distancias excesivas, até con mal tempo.

Máis de 80 persoas usan a diario as instalacións do centro de día de Agadea. A falta dunha solución definitiva levou aos seus familiares a recoller máis de 300 sinaturas para motivar unha solución urxente: o uso puntual das prazas de carga e descarga pendente de execución.

 

Comentarios