José Manuel Pequeño non repetirá como candidato á Alcaldía de Dumbría após catro décadas no cargo

"É o momento de parar, hai que saber cando dar o paso", apunta o rexedor, que salienta que hai "outra vida" alén da política.
O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño. (Foto: PSdeG)
photo_camera O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño. (Foto: PSdeG)

O alcalde de Dumbría, o socialista José Manuel Pequeño, non repetirá como candidato á Alcaldía despois de catro décadas á fronte da mesma, desde que recalara no cargo tras as eleccións municipais de 1983. "É hora de parar", asegurou esta sexta feira a Europa Press en relación á súa decisión.

"Despois de tantos anos é un punto e aparte", afirmou ao explicar que, coa pandemia da Covid-19, tamén valorou que haxa "outra vida" fóra da política, incidindo, neste sentido, na familia.

Ao mesmo tempo, asegurou que parte da súa decisión débese ao feito de deixar paso no Concello "á xente nova". "Hai que saber cando dar o paso", sentenciou.

Da súa xestión, destacou, pola súa parte, as actuacións levadas a cabo para converter Dumbría nun "referente en moitas cousas", así como o "legado" que deixou durante estes anos ao respecto.

En canto ao candidato á Alcaldía nos comicios deste ano, e á espera do que decida a militancia socialista, optou polo concelleiro de Protección Civil, Servizos Sociais e Medio Ambiente, Raúl González, que como número dous o acompañou estes anos e que conta cunha "longa experiencia".

Así o sinalaron tamén no partido, ao tempo que aseguraron que a dirección xa coñecía a intención do rexedor, pero que os "tempos e a forma de comunicalo" decidiunos o primeiro edil.

Comentarios