Política

O alcalde do Grove denuncia que o material de protección entregado pola Xunta "non se pode usar"

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, critica que a Xunta lles entregou menos material do anunciado e que recibiron máscaras de protección que "xa rompían nada máis abrilas". 
Máscara entregada pola Xunta ao concello do Grove (PSdeG Pontevedra).
photo_camera Máscara entregada pola Xunta ao concello do Grove (PSdeG Pontevedra).

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, denunciou esta cuarta feira que o material que a Xunta da Galiza entregou aos concellos era "moita menos cantidade" da que previamente se lles prometeu e que, ademais, é de "moi mala calidade".

"Nin sequera o podemos utilizar", asegurou en declaracións a Europa Press o rexedor socialista, na liña do manifestado polo PSdeG de Pontevedra que, nun comunicado, asegura que o material de protección anunciado "aos catro ventos" pola Xunta consta de "máscaras rotas, caducadas e mesmo luvas non estériles ou de uso para barbería".

Cacabelos afirmou que, con esta protesta, non busca "xerar unha polémica política", mais censura a falla de "seriedade" coa que, di, actuou o Goberno galego. "Tanto o Goberno do Estado como a Xunta terá sempre en nós un aliado pero, por favor, hai que ser un pouco máis serios", indicou.

O rexedor relata que recibiu unha chamada da Xunta para avisarlle de que tiña que recoller o material sanitario que lle correspondía ao concello do Grove na delegación que o Goberno galego ten en Pontevedra. Entregáronlle unha única caixa na que dixeron que habería 80 máscaras e 144 pares de luvas.

"A primeira sorpresa foi que había mesmo menos material do que nos dixeron. Tan só viñan 68 máscaras", indicou o alcalde, que engadiu que "iso non foi o peor". "O material era de tan pésima calidade que o propio servizo de Emerxencias me dixo que iso non se podía repartir á xente porque era inútil. De feito, moitas xa rompían nada máis abrilas", aseverou.

Queixas a través da Fegamp

Así as cousas, varios concellos galegos trasladaron formalmente á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) as súas queixas por situacións similares para que se lles faga chegar oficialmente á Xunta.

Por outra banda, o rexedor do Grove indicou que o que máis necesitan neste momento son máscaras, xa que, ademais da o servizo local de Emerxencias e á Policía Local, no concello grovense están a fornecer tamén de máscaras aos traballadores do 061, á Garda Civil e ás auxiliares de asistencia a domicilio.

O concello do Grove conta tamén con 170 equipamentos de traxes, patucos, e lentes, dos que se repartiron durante a campaña do Prestige. "Fixemos un chamamento aos veciños e asociacións para que aqueles que aínda os tivesen doásennolos e en dous días recibimos máis de 170", comentou.

O PP afea as críticas do PSdeG

O PP de Pontevedra saíu ao paso das críticas dos alcaldes do PSdeG, aos que afea que "aposten pola confrontación política ata nas peores circunstanicas".

Nun comunicado, o deputado durante a última lexislatura, Alberto Pazos, tachou de "lamentábel" que os socialistas "non esperasen nin un día para saír a queixarse, o que demostra que é o que pretenden".

"Critican á única Administración que está a colaborar cos concellos no envío de material sanitario. Que recibiron os concellos da subdelegación? Nada, e iso que a compra e a repartición de luvas, máscaras e outro material está centralizada no Goberno desde que decretou o estado de alarma", incidiu o popular.

Comentarios