O alcalde de Compostela deseñará o novo goberno con edís 'a dedo'

As forzas da oposición culpan a Feijóo da "bochornosa situación" de Compostela.

Ángel Currás
photo_camera [Imaxe PP de Compostela]

Ángel Currás confirmou aos medios de comunicación, en declaracións recollidas por EuropaPress, que a nova equipa de goberno após a demisión d@s 7 edís condenad@s a 9 anos de inhabilitación, incluirá "probabelmente" persoas que non toman parte na listaxe electoral coa que o PPdeG concorreu ás eleccións municipais de 2011. Un feito ao que engadir que esta mesma terza feira demitiu Rebeca Domínguez, concelleira do PP que accedeu en 2012 ao Concello após demitir Conde Roa.

Farao de acordo coa Lei de grandes cidades (57/2003) que lle permite deseñar o executivo local con persoas non eleitas habida conta que as que fican aínda e @s suplentes non lle abondan para re-emprazar @s 7 concelleir@s inahibilitad@s.

Desta maneira o PP procura resolver o baleiro que deixou a sentenza xudicial condenatoria á espera, iso si, de que se resolvan os procesos xudiciais aínda abertos e nos que se atopan imputad@s o propio alcalde, Ángel Currás, e a concelleira Rebeca Domínguez.

A oposición exixirá explicacións a Feijóo no pleno do Parlamento

As críticas chóvenlle pola "situación insólita" que atinxe o goberno da capital de Galiza, desde as demais forzas da oposición. O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela criticou a xestión "dos tempos" que artellou a dirección do Partido Popular, co seu presidente, Alberto Núñez Feijóo á cabeza, e que inviabilizan a disolución da corporación e a convocatoria de eleccións anticipadas como reclamaban @s nacionalistas.

A organización frontista, PSdeG e AGE anunciaron esta terza feira (3 de xuño) que levarán á vindeira sesión plenaria o que catalogan como unha "situación bochornosa". Así mesmo, exixiran a Feijóo "asumir as súas responsabilidades" perante o que está a acontecer en Compostela pois, dixo o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o Presidente da Xunta e tamén presidente do Partido Popular de Galiza “foi cómplice e encubridor “ da situación escandalosa do concello.

Entrementres, desde o PP, o seu voceiro parlamentar Pedro Puy, saiu ao paso das críticas da oposición pedíndolles que "miren para a súa casa".