O alcalde de Celanova (PP) denuncia o Concello porque o pleno aprobou baixarlle o soldo

O conxunto da oposición --BNG, PSdG-PSOE e independentes-- decidiu por maioría un recorte salarial para o rexedor e o de dúas dedicacións exclusivas das tres que tiñan asignadas @s edís conservador@s. Consideran que a medida suporá un aforro de 60.000€ anuais ás arcas municipais.

concello
photo_camera [Imaxe: SG]


O conxunto da oposición no Concello de Celanova --tres edís do BNG, tres do PSdG-PSOE e unha non adscrita-- aprobaron en pleno e por maioría un recorte salarial para o alcalde, Luís Ferro (PP), e a supresión de dúas dedicacións exclusivas das tres que tiñan asignadas @s concelleir@s conservador@s.

Malia ser o pleno un organismo soberano para decidir este tipo de medidas, Ferro presentou unha denuncia no xulgado do contencioso-administrativo nº2 de Ourense contra o Goberno local que el propio encabeza. Unha situación que cualifica de "insólita" o portavoz do Bloque celanovés, Leopoldo Rodríguez, recordando que @s denunciad@s serían tod@s @s edís da oposición e @s do PP (2) que non asinaron o recurso xudicial. 

O acordo plenario fora tomado xa a finais de 2012. Porén, nunca foi executado. A oposición en bloque reclamou un pleno extraordinario en agosto e debateuse de novo a medida, que foi ratificada máis unha vez por maioría. Agora chega a denuncia interposta polo alcalde e tres concelleir@s. Consideran que a decisión non ten validez por estar apoiada por unha concelleira "tránsfuga" e aprobada "a mala fe, sabendo que o que propoñen non é legal".

O nacionalista Rodríguez responde: "cada paso que se deu tivo asesoría legal continua e o único que fixo a oposición, que ten a maioría en Celanova, foi aplicar o mesmo que o PP aplica no resto do País: recortes". Coa particularidade de que neste caso as tesoiras foron ao peto do propio alcalde.

Comentarios