POLÍTICA

O alcalde de Cedeira insta Feixoo a rectificar as súas críticas por retirarlle unha rúa a Fraga

O rexedor envía unha carta ao presidente da Xunta na que lle traslada o seu "malestar e tristeza" polas súas declaracións, que relaciona coa información "errónea" que lle puideron achegar desde o PP de Cedeira. 
Fraga e Franco (arquivo).
photo_camera Fraga e Franco (arquivo).

O alcalde de Cedeira, o socialista Pablo Moreda, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a rectificar despois das súas críticas á decisión do pleno deste municipio de retirar unha rúa dedicada a Manuel Fraga Iribarne.

Nunha carta remitida a Feixoo, o rexedor traslada o seu "malestar e tristeza" e estima que as manifestacións do presidente galego foron froito dunha información "errónea" transmitida desde o grupo municipal do Partido Popular.

En concreto, Feixoo acusou ao Goberno municipal de aprobar este cambio de denominación "no medio da pandemia do COVID-19 e de buscar réditos políticos". Ante iso, o alcalde considera que o presidente da Xunta "incorreu nun erro ao non contrastar os datos facilitados polo portavoz do PP no Concello de Cedeira, Luís Rubido, polo que as súas afirmacións nada teñen que ver coa realidade".

Neste sentido, o rexedor sostén que o responsábel local do PP "actuou coa única intención" de facer "dano persoal tanto a el mesmo como aos veciños de Cedeira" ao realizar "unhas declaracións maliciosas, dando a entender que isto se fixo durante o estado de alarma".

"Tristeza"

"A miña sensación de tristeza foi enorme ao escoitar nunha rolda de prensa ao presidente de todas as galegas facer unhas acusacións que non se corresponden coa verdade e que fixeron un dano moi grande tanto a min como á todos os veciños de Cedeira e sobre todo a miña familia", asegura o rexedor nun parágrafo da carta enviada esta terza feira a Feixoo.

Na súa misiva, Moreda aclara ao presidente da Xunta que o pleno no que se tomou o acordo tivo lugar o 9 de marzo, "unha semana antes da declaración do estado de alarma, e que a decisión obedece ao cumprimento, a instancia do Senado, da Lei da Memoria Histórica, que obriga a retirar o nome dunha rúa que lle foi dedicada a Manuel Fraga como ministro de Información e Turismo do Goberno de Francisco Franco".

Etapa democrática

Dito iso, o rexedor de Cedeira sinala que, "en ningún caso", "se lle pasaría pola cabeza retirar o nome dunha rúa dedicada a unha persona que foi elixida democraticamente como presidente da Xunta da Galiza" e lembra que no municipio existen varias placas que levan o seu nome en recordo do período que estivo á fronte do Goberno galego.

Por último, o rexedor municipal convida o presidente da Xunta, "a visitar Cedeira para que coñeza realmente os problemas que compartimos todas as cedeirenses, para sumar forzas e mellorar a calidade de vida das veciñas, sobre todo nestes momentos tan difíciles para as familias".

Comentarios