Os concellos após o 26M

O alcalde de Catoira nega pactos co PP e pon a transparencia no eixo central do goberno

O nacionalista Xoán Castaño é o novo alcalde de Catoira pese ao PSdeG ser a lista votada. A asemblea local do BNG optou por non investir o anterior alcalde e candidato polo PSdeG por non consideralo coherente coas esixencias de transparencia e igualdade das que o nacionalismo fixo eixo central de campaña. Castaño aceptou o bastón de mando cos votos do PP e desde o BNG nacional comunicaron a súa suspensión de militancia.

Xoán Castaño, alcalde de Catoira
photo_camera Xoán Castaño, alcalde de Catoira

Catoira mudou de alcalde após 30 anos con Alberto García (PSdeG) á fronte do goberno municipal. Desde o sábado 15 de xuño o alcalde é Xoán Castaño, quen en declaracións a Sermos Galiza, afirma que a súa vocación é a de gobernar e “facer as cousas o mellor posíbel”.

Castaño encabezou a candidatura do BNG ás municipais conseguindo 3 actas, fronte as 5 do PSdeG. Após as eleccións, o alcalde relata como a asemblea do BNG optou por non investir o anterior rexedor e candidato polo PSdeG por non consideralo coherente coas esixencias de transparencia e igualdade das que o nacionalismo fixo eixo central de campaña.

“É o froito da decisión da militancia de maneira unánime en até catro asembleas”, afirma Castaño

Con esas premisas, e en cumprimento da vontade “unánime” da súa asemblea, Castaño afirma que aceptou a decisión de presentarse á alcaldía no pleno de investidura do 15 de xuño, e recolleu o bastón de mando finalmente grazas a recibir os votos dos edís do PP. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, comunicou a suspensión de militancia e apertura de expediente sancionador aos tres concelleiros. A representación do BNG no concello de Catoira recibira xa instrucións da dirección nacional alertando de que non avalaría ningún acordo tácito ou explícito co PP.

“Entendiamos que esa transparencia e igualdade de oportunidades pasaba por que o PSdeG presentase outro candidato”, afirma Castaño

“A decisión é froito da decisión da militancia de maneira unánime en até catro asembleas”, afirma Castaño. O BNG de Catoira, após as eleccións, expuxo a Alberto García, o alcalde daquela en funcións, un documento programático para poder apoiar o PSdeG na investidura. As propostas realizadas na comisión negociadora pasaban por garantir transparencia e igualdade de oportunidades no concello, cumprir coas recomendacións do Consello de Contas, elaborar un plan para reducir a débeda, rematar o saneamento e recuperar a xestión pública e directa do alumeado, entre outras prioridades.

“Mais a cuestión tamén era que entendiamos que esa transparencia e igualdade de oportunidades pasaba por que o PSdeG presentase outro candidato”, afirma a Sermos Galiza Xoán Castaño, “xa que o anterior alcalde foi responsábel de todo o oposto ao que solicitabamos durante os seus 40 anos no concello, 36 deles no goberno e 30 de alcalde”. Mais Alberto García respondeu que el non ía renunciar a presentarse á alcaldía.

Unha nova asemblea local do BNG decidiu tamén por unanimidade, como explica Castaño, que o nacionalismo debía presentarse na investidura con candidatura propia. “Nós nos falamos nada co PP, nin pactamos nada, aínda que sabiamos da posibilidade de que nos acabasen votando porque o candidato do PP xa o comentara publicamente”.

Sobre a decisión da dirección nacional do BNG de suspender de militancia os tres edís, Castaño asegura entender “que o teñan que facer”

Sobre a decisión da dirección nacional do BNG de suspender de militancia aos tres edís, Castaño asegura entender “que o teñan que facer”, e engade que en Catoira actuaron co apoio da asemblea por unanimidade e que en ningún momento favoreceron ningún goberno do PP, “o que si sería contradicir as directrices do BNG”.

Comentarios