Alcalde de Beade: cada 20N celebra misas en memoria de Franco "e ninguén do PP se opuxo xamais"

Embora os líderes populares din rexeitar as mostras de apoio ao franquismo dalgúns militantes de Nuevas Generaciones, o PP continúa amosándose compracente coas saudades fascistas dalgúns dos seus cargos públicos. O alcalde de Beade (Ourense), que mesmo posúe na casa do concello a imaxe do ditador, asegura nunha entrevista en El País que "ninguén do PP" lle "recriminou nunca honrar o franquismo".

Senén Pousa afirma, nunha entrevista publicada por El País, que "quen comete a estupidez de fotografarse facendo xestos nazis ou fascistas non merecen tomar parte do partido" --en alusión ás imaxes en que militantes de Nuevas Generaciones se deixan ver coa bandeira pre-constitucional ou facendo apoloxía de réximes totalitarios. 

Malia as súas declaracións, o rexedor deste concello ourensán non dubida en se fotografar coa imaxe do ditador e mesmo lembra que cada 20 de novembro "honra" a Franco cunha misa "e ninguén do PP se opuxo xamáis" subliña. Ao tempo, acrecenta que deixou de facelo porque militantes independentistas ían "montar lío" á igrexa. 

Orgulloso da súa admiración polo réxime franquista, este alcalde goberna desde hai 40 anos e asegura que a fotografía do ditador "non fai mal a ninguén" polo que rexeita quitala. "Cando marche", di, "sacarei todas as cousas".

Desde o PPdeG din descoñecer os símbolos que o rexedor posúe no consistorio e el propio recoñece que "nunca ninguén do partido" lle dixo "nada por pensar así", embora desde a dirección salienten que ningún militante que faga apoloxía pública do réxime merece facer parte do partido.

Comentarios