domingo 31.05.2020
Política

O alcalde de Barro denuncia o PP local por unha suposta desinfección da vila "sen autorización"

Xosé Manuel Fernández Abraldes solicita á Garda Civil que o Seprona comprobe "se houbo algún tipo de infracción medioambiental" derivada da presunta desinfección organizada polo grupo municipal do Partido Popular. 
"Operativo especial" de "desinfección" organizado polo PP de Barro (Imaxe: Populares de Barro).
"Operativo especial" de "desinfección" organizado polo PP de Barro (Imaxe: Populares de Barro).

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), denunciou esta segunda feira perante a Garda Civil a "presunta desinfección" levada a cabo "sen ningún tipo de autorización" por parte dun concelleiro do Partido Popular

Abraldes manifesta na denuncia, á que tivo acceso Nós Diario, que na mañá do pasado sábado, 25 de abril, este concelleiro do PP levou a cabo "presuntamente labores de desinfección por varias vías públicas do término municipal de Barro sen ter comunicado nin solicitado autorización municipal, nin ter tampouco autorización de calquera outra Administración competente". 

Así, explica que a "desinfección" foi organizada "ao parecer" por todos os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Barro. Un extremo que se confirma na páxina de Facebook Populares de Barro, na que o pasado sábado publicaron que tiñan despregado "outro gran operativo especial de desinfección de contenedores e valdeo de varios espazos públicos e aldeas do noso concello mediante un camión motobomba con cisterna de 30.000 litros de capacidade".

Na denuncia consta que para esta presunta "desinfección" da vila empregaron "un camión cisterna de gran tonelaxe" dunha empresa de Meis da que se descoñece se "dispón de autorización para o tratamento de produtos tóxicos de desinfección"

Por este motivo, o alcalde solicita que a Garda Civil traslade estos feitos ao Seprona (Servizo de Protección da Natureza) de Caldas de Reis por "se houbo algún tipo de infracción medioambiental". O PP argumenta no seu Facebook que empregaron "120.000 litros de auga coa correspondente dose de lexía" para repartir desde o camión cisterna.

Danos medioambientais

"Ante esta actuación totalmente irregular e sen control, que pode acarrear danos medioambientais tanto a persoas como a bens, o alcalde presentou denuncia ante a Garda Civil, o SEPRONA e a Consellería de Medio Ambiente para que se investiguen os feitos e se depuren as responsabilidades ás que puideran dar lugar", informan desde o concello nun comunicado.  

Ademais, Xosé Manuel Fernández Abraldes manifesta na denuncia que tivo coñecemento "doutros labores similares a fin de semana anterior" como demostran as fotografías publicadas o día 19 de abril no Facebook Populares de Barro sobre un "operativo especial para levar a cabo a desinfección de varios espazos públicos e aldeas do noso concello". 

Un "operativo especial" realizado, segundo a mesma publicación do PP, coas "aportacións económicas feitas polos propios concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular corespondentes as súas retribucións por asistencias a plenos e comisións".

Protocolo da autoridade sanitaria

Desde o Concello de Barro aseguran que cumpren o "protocolo estabelecido polas autoridades sanitarias" e que o consistorio "leva facendo a desinfección dos lugares máis sensíbeis" desde "a primeira semana da declaración do estado de alarma". "Para iso conta con dous equipos de operarios municipais e vehículos oficiais, co apoio de voluntarios de protección civil. Ademais, persoal da Consellaría de Medio Rural tamén desinfecta as inmediacións do centro de saúde, como reforzo das actuacións municipais", explican.

Nas súas redes sociais, as populares critican (en referencia aos feitos denunciados) que "o alcalde se adicara a chamar á Garda Civil para ameazar os veciños e empresas que interviñeron no mesmo, intentando suspender estas labores sanitarias aínda que finalmente non o chegase a conseguir".

Porén, o Goberno local critica que "os membros do PP anden polas casas da xente unicamente buscando facer propaganda política con actuacións tan esperpénticas". 

comentarios