O alcalde de Baralla non demite nen pide perdón ás vítimas

González Capón declinou, máis unha vez, presentar a súa demisión por afirmar que "os que foron condenados a morte [no franquismo] será porque o merecían" nunha sesión plenaria á que asistiron perto de 200 persoas. O rexedor do PP reafirmou o dito e "fixo o saúdo fascista" á saída do consistorio, apunta un participante no pleno de Baralla

photo_camera [Imaxes: Xose Salgado]

"Fóra comunistas de Baralla", "ide a Paracuellos" ou "viva o alcalde" foron algúns dos berros que se escoitaron no salón de plenos de Baralla. Ducias de persoas afíns ao Partido Popular ateigaron a Casa do Concello para parapetar o rexedor, González Capón, quen rexeitou presentar a súa demisión. "Dixen iso", afirmou en relación ás súas declaracións a respeito d@s represaliad@s do franquismo "e reitéroo". Porén, deu leitura a un comunicado onde dicía que "errar é de humanos e rectificar é de sabios". 

Non pediu desculpas de maneira explícita ás vítimas, nin ás familias d@s represaliad@s e agradeceu a participación dos seus afíns porque, di, iso lle dá forzas "para seguir traballando".

O voceiro do BNG ilustrou a brutalidade da represión franquista co argumento de que tamén eles serian asasinados. Un veciño afín ao PP retruca: "Ben que o merecíades"

"Fixo o saúdo fascista até en dúas ocasións cando marchaba entre os aplausos do público", afirma Rubén Arroxo, responsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo. "O pleno estaba ateigado de persoas afíns ao alcalde e ao Partido Popular", relata, "agunhas vindas desde o Corgo e outras localidades da comarca. Cando chegamos ás 08.30h" --a sesión estaba fixada para as 09.00h-- "xa estaba cheo, houbo xente que ficou fóra", subliña Rubén Arroxo. 

Sentadas entre o público amoreábanse perto dun cento de persoas que non dubidaron en amosar o seu apoio a González Capón e apupar os agrupos da oposición que exixían a súa demisión. "O voceiro do Bloque", continúa Rubén, "asegurou na súa intervención que o seu compañeiro e máis el terían sido asasinados naquela altura". Así ilustrou Xosé Manuel Becerra a brutalidade da represión franquista que custou a vida a 6 veciñ@s desta localidade luguesa. Pasead@s e sentenciad@s a morte foron asasinad@s entre 1937 e 1949. 

"E ben que o merecíades" espetoulle un dos seguidores do alcalde entre os aplausos das persoas "carrexadas polo PP", salienta Arroxo. Pola súa banda, veciñ@s de Baralla, familiares d@s represaliad@s polo fascismo e militantes do Bloque Nacionalista Galego estenderon cartaces coas facianas das vítimas da represión franquista ao tempo que exixiron a berros a demisión de González Capón. "Rían e insultábannos", asegura Rubén. 

González Capón declina demitir: "Dixen iso, e reitéroo"

A tensión subía e a Garda Civil, que agardaba ás portas da Casa consistorial, decidiu entrar. "Aquilo parecía os anos 50, estaba o alcalde, a Garda Civil e até o cura, vestido de cura", afirma Rubén Arroxo entre risos. 

O alcalde de Baralla asegurou que non demitirá polas súas declaracións, embora os grupos da oposición lle exixiran que o fixese "como tamén o fixo o noso compañeiro de Cambados ou o propio Castelao Bragaña", lembrou o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Becerra. "Non vou demitir", dixo o alcalde en perfecto español, "porque fun eleito polo pobo". "Dixen iso, si", afirmou en relación ás súas declaracións "e reitéroo". 

"Ao rematar saíu do Concello e fixo o saúdo fascista até en dúas ocasións", apunta Arroxo, "nós agardámolo cunha faixa despregada" co lema "Fascismo nunca máis: alcalde demisión". Até o momento o PP non exixiu a González Capón que abandonase as súas responsabilidades públicas, para a oposición iso é "inadmisíbel". 

Comentarios