O alcalde de Baños de Molgas recorre á moción de confianza para aprobar os orzamentos

A pasada semana Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas, contemplaba a perda da votación sobre a moción de confianza que el mesmo formulou ligada á aprobación dos orzamentos do 2017.  A votación, levada a cabo nun pleno extraordinario o pasado 15 de maio, concluíu cun resultado de tres votos a favor e catro votos en contra, a falta dun edil socialista.

Alcalde Baños de Molgas
photo_camera Xaime Iglesias

Logo das eleccións de 2015, onde o Partido Popular perdeu dous escanos e con eles a maioría absoluta no concello ourensán de Baños de Molgas, o Bloque Nacionalista Galego obtivo a alcaldía grazas ao apoio no último momento dos dous edís do PSOE. Ao longo destes dous anos, a relación entre socialistas e nacionalistas foi moi complexa e de pouco entendemento. 

A causa da moción de confianza presentada polo alcalde foi a non aprobación dos orzamentos presentados polo equipo de goberno nun pleno onde os socialistas presentaron emendas aos mesmos.  Os edís do PSOE presentaron emendas que o propio alcalde considerou inviábeis e, polo tanto, non foron sometidas a votación no pleno municipal. Nese momento, os dous concelleiros socialistas abandonaron a sala dos plenos, acompañados posteriormente dos catro compoñentes do grupo do Partido Popular.

O PSOE pola súa banda, considera que o alcalde Xaime Iglesias tiña en mente forzar o voto en contra da oposición no referente aos orzamentos e pasar así, dese mesmo xeito á moción de confianza coa posterior posibilidade moción de censura. Deste mesmo xeito, socialistas e populares pediron un informe á secretaría do Concello sobre a posíbel nulidade a respecto do procedemento que seguiu o alcalde.

O PP afirma que Xaime Iglesias “quere gobernar por decreto e a moción de confianza é unha mera argucia para manterse no poder”

Asemade, o Partido Popular encabezado polo antigo alcalde Eladio Mangama afirmou que Xaime Iglesias “quere gobernar por decreto e a moción de confianza é unha mera argucia para manterse no poder” ademais de asegurar unha mala xestión municipal a cargo do alcalde actual do municipio.

Pola súa banda, desde o PSOE xustificaron a súa saída do pleno ante a “actitude ditatorial do rexedor”  ademais de solicitar unha adicación parcial á alcaldía por parte de Xaime Iglesias. Reducíndose así o soldo de vinte mil euros ao ano a once mil euros. Ademais, cabe destacar as declaracións de González, portavoz do grupo municipal do PSOE, nas que asegura que se quixeran desbancar o actual alcalde, xa terían presentando un candidato alternativo.

Alén de todo isto, a equipa de goberno xustificou o plantexamento da moción de confianza para “resolver un conflito que leva anos aberto e o pleno bloquea cada iniciativa do grupo parlamentar que actualmente goberna”. 

Se no prazo dun mes o Partido Popular e o Partido Socialista non se poñen dacordo para elixir un novo candidato para a alcaldía e non presentan unha moción de censura, o actual alcalde, Xaime Iglesias, manterá o cargo e os orzamentos serán automaticamente aprobados.

Sobre esta cuestión, mantivemos unha breve conversa con Xaime Iglesias.

-Trala perda na votación sobre a moción de confianza e as relacións inestábeis con PSOE, cree que presentarán un candidato alternativo a vostede?

-Dende o noso punto de vista, pensamos que o farán ao non apoiar os orzamentos no seu momento e ao non apoiar a moción de confianza. Se presentan un candidato alternativo, preocúpanos a idea de non sacar adiante os orzamentos, xa que son os máis coherentes e os máis precisos. Os que precisa o concello de Molgas. 

-Entón, se non presentan unha moción de censura e un ou unha candidata á alcaldía, pensa retomar as relacións co PSOE?

-As relacións intentáronse manter dende o comezo da lexislatura cando vimos que o Partido Popular non conseguiu obter a maioría absoluta. Mais de momento o programa é completamente distinto. Non é que esteamos negociando co PSOE, senón que estamos falando de persoas que van na candidatura presentada polos socialistas nos pasados comicios. Estes non se diferencian moito dos edís do Partido Popular e pensan de maneira similar a eles en moitas cuestións municipais.

-Que diferencia estes orzamentos presentados dos anteriores?

-Os orzamentos de 2016 partían do lixeiro coñecemento que tiñamos sobre a actividade municipal. Mais co paso do tempo fomos formándonos e informándonos sobre as diferentes cuestións municipais e como poderíamos mellorar o concello. Por iso, démonos conta da insuficiencia económica que representaban os anteriores orzamentos. Neste tempo de lexislatura, adquirimos unha serie de compromisos con diferentes asociacións, outros concellos e mesmo coa Deputación Provincial. 

Cos orzamentos presentados hai un par de semanas, aumentamos os seus fondos 8%, entendendendo que é froito da labor, decisións e compromisos que fomos realizando nestes dous anos de lexislatura.

-En que mudou Baños de Molgas nestes dous anos de goberno nacionalista?

-Podemos destacar dous aspectos. No aspecto interno falamos de que a relación mantida con colectivos, asociacións e veciños do concello non é para nada sectaria. É igualitaria. Temos o mesmo procedemento con calquera que precise da axuda do concello trantado a todo o mundo igual. Isto provoca enfrontamentos posto que antes, en función de que a pedía, concedíaselle ou non. E a nivel externo podemos destacar a renovada imaxe do concello. Un maior dinamismo con forte presenza da cultura e o deporte; os recursos patrimoniais e achegando a nova poboación. Sen descoidar os 47 núcleos de poboación que pertencen a concello.

-Cales son os obxectivos que ten o goberno nacionalista para estes dous anos se non presentan a un candidato alternativo?

-Seguir a liña que levamos mantendo estes dous anos, ou mellor dito, ano e medio, posto que os seis primeiros meses tivemos que solucionar todos os problemas que existían no Concello. Queremos rematar a aprobación do PXOM, eliminar a contaminación das foxas, xa que estamos sendo sancionados por elas, seguir fomentando o tema do turismo termal e deportivo. 

No tocante ás asociacións, o noso obxectivo é reactivar as que xa existían pero que desapareceron pola falta de poboación. Crear tecido asociativo para que o concello sexa máis participativo. Para que a toma de decisións se tomen de maneira colectiva.

Asemade, estamos tratando de encargarnos dun tema tan transcendente como é o de cambiar a visión pesimista que ten a xente sobre este concello. Nestes dous anos que faltan, se temos a oportunidade, sacaremos peito e intentaremos crear conciencia na xente de que Baños de Molgas é un concello con moitas posibilidades e recursos, que pode e irá a mellor. 

Comentarios