Iván Rivas, candidato á Alcaldía de Ferrol polo BNG

"O alcalde actual reclama carga de traballo para Cádiz cando as gradas galegas están baleiras"

O arquitecto Iván Rivas repite como candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol. Cita entre as medidas prioritarias a anulación dos "acordos espurios adoptados" entre o PP e FeC para a xestión do transporte, a devolución da depuradora ao seu titular, a Xunta, polos defectos que presenta e a anulación do convenio con Defensa para poder cobrar impostos polas propiedades desafectadas. Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

Iván Rivas
photo_camera Iván Rivas

Que supuxeron estes catro anos para Ferrol?

Contrariamente ao que se afirma constantemente polo PP, estes catro anos non tiveron como denominador común a parálise da actividade municipal, senón que moi ao contrario supuxeron un avance substancial das políticas implementadas polo anterior alcalde do PP, o Sr. Rey Varela, hoxe tamén candidato, respecto de todas as áreas municipais. Por poñer un exemplo, no ámbito económico, que non existisen orzamentos durante tres anos non significou que se paralizase a xestión económica municipal e que non existise política económica. Claro que existiu! Ao prorrogar os orzamentos a política económica foi a mesma que co PP. Unha política baseada no austericidio económico definido polo PP desde 2012: incrementar a presión fiscal e reducir o gasto público ao mínimo para poder destinar eses cartos a contratar préstamos cos bancos que estaban en bancarrota e licitar contratos de privatización de servizos que alimentasen ás transnacionais famentas de liquidez.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Como o dunha organización política amalgamada ao redor de principios ideolóxicos excesivamente abstractos, que ao trasladalos á realidade provocaron a súa acomodación ao sistema dun modo cada vez máis intenso segundo foi transcorrendo o mandato. É dicir, en público digo o que quero pero en privado obedezo. Isto non é un comportamento nin novo nin exclusivo de FeC; é basicamente o modo de actuación de organizacións que teñen un centro de decisión esóxeno, neste caso na centralidade madrileña. E esa dependencia de Madrid non os condiciona por unha cuestión xeográfica, condiciónaos porque en Madrid hai poder político e ten unha íntima relación co poder económico. E para eles eses intereses hai que protexelos.

Os exemplos son moitos, a situación dos estaleiros ferroláns é un clásico. O alcalde actual reclama carga de traballo para Cádiz cando as gradas galegas están baleiras! E comparte posición co PP e o PSOE. O saneamento é outro exemplo. Unha infraestrutura de carácter estatal xestionada por unha empresa como ACUAES foi defendida a capa e espada polo goberno local.

Esta acomodación ao poder con carácter máis estrutural acaba condicionando as relacións de poder e privilexios máis locais, porque se non cuestionas a ACUAES ou a Navantia, por que te vas a enfrontar aos privilexios locais que pode ter a Igrexa Católica a través das subvencións á Semana Santa?

E o traballo realizado polo seu partido?

De resistencia, e vai sendo hora de que fagamos algo máis!

Durante estes catro anos acusóusenos de todo: sectarios, marxinais, radicais, inflexibles... por parte de todos os partidos políticos. Fundamentalmente porque o BNG cambioulles as preguntas cando xa tiñan as respostas preparadas. Vivimos un contexto político no que o debate se levou ao plano das discrepancias anecdóticas entre o PP e FeC. Mentres, entre eles e coa colaboración ocasional do PSOE, foron aprobando cuestións transcendentais para a cidade como a taxa de saneamento, o transporte público ou a xestión privada de servizos públicos como a axuda á dependencia.

Agora, co cadáver aínda quente, PP, PSOE e FeC exhortan á unidade dos políticos e políticas para levar adiante a cidade, ergo: para borrar as pistas e ocultar ao culpábel, que como en Asasinato no Orient Express non ten un único responsábel.

Resistimos neste contexto de "infoxicación" no que hai temas tabú, mentres se falou de performances artísticas en bañeiras acrílicas

Se reflexionamos sobre cales poden ser os motivos polos que o PSOE elabora un decálogo de temas sobre os que mellor non falar en campaña ou porque FeC pide unha tregua e comparamos as súas posturas coas do PP respecto de cuestións tan importantes como o convenio con Defensa, quizais nos decatemos de que non están tan lonxe. En resumo, resistimos neste contexto de "infoxicación" no que hai temas tabú, mentres se falou de performances artísticas en bañeiras acrílicas.

Cal é a principal necesidade do seu Concello?

En definitiva, parar isto. E isto é como un castelo de naipes: cando quitas unha carta o resto comeza a ter problemas de estabilidade, e se quitas unha das inferiores, o castelo cae de golpe.

Temos que comezar por desvendar a realidade para rematar cos abusos á veciñanza, tanto das administracións públicas como das transnacionais que xestionan servizos básicos como a auga, o lixo ou a enerxía.

Navantia só paga o IBI por orde xudicial. EMAFESA, que nos pasa ao cobro todos os meses puntualmente por taxas da auga, depuración e saneamento, non paga o canón que supostamente lle dá permiso para facer negocio coa auga.

Como imos saír adiante se os que nos deberían botar unha man non nola quitan do pescozo?

O Ministerio de Defensa, que ocupa o 20% do solo urbano do Concello, non paga un euro por todo ese espazo, e ademais decidiu que tampouco pagaría nada por propiedades que ten abandonadas como o Sánchez Aguilera, a pesar de ter as mesmas obrigas tributarias que temos os demais.

A Xunta visto o visto, decidiu que tributos que paga noutras cidades, en Ferrol non o ía facer. Nin pola ampliación do hospital nin pola depuradora supramunicipal ten pensado pagar un euro.

A Autoridade Portuaria deixa de pagar 0,7 millóns de euros ao ano porque o goberno local llo consinte e a Igrexa, exenta de pagar polos lugares destinados ao culto, tampouco paga por outras propiedades como aparcadoiros ou vivendas da súa propiedade.

Como imos saír adiante se os que nos deberían botar unha man non nola quitan do pescozo?

Cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Anular os acordos espurios adoptados entre o PP e FeC para a xestión do transporte, que remata a súa concesión en 2019. Devolver a depuradora ao seu titular, a Xunta, polos defectos cos que se nos entregou, acordo que tamén remata en 2019. Anular o convenio con Defensa para poder cobrar impostos polas propiedades desafectadas. E por último, outra das cuestións iniciais a facer sería a de recuperar as rúas para a xente cunha peonalización integral e inmediata.

Todo isto deberiamos facelo antes de agosto, en dous meses, que é o tempo que temos para traballar mentres non se consolidan estes acordos. Hai moitas oportunidades de cambio neste 2019 e para este novo mandato. Ferrol non debería desaproveitalas.

Comentarios