Reinvindicouse como responsábel última da residencia

A alcadesa de Boimorto líbrase da reprobación

Os cinco edís do Partido Popular (PP) de Boimorto salvaron a reprobación da alcaldesa, María Jesús Novo, que se deu de baixa militante do PP logo de que se soubese que foi vacinada contra a Covid-19 cando aínda non lle correspondía.
María Jesús Novo, alcaldesa de Boimorto (Foto: Europa Press).
photo_camera A alcaldesa de Boimorto no pleno extraordinario da sexta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Os tres concelleiros do Partido Socialista (PSdeG) e os dous do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Boimorto impulsaron unha iniciativa que foi sometida a votación no pleno extraordinario que tivo lugar esta sexta feira e no que se reivindicaba a reprobación da alcaldesa, por terse vacinado na residencia de maiores da localidade sen ser sequera parte do cadro de persoa.

As formacións socialista e nacionalista esixían a inmediata dimisión da rexedora, que se defendeu no pleno asegurando que "o presunto escándalo" que a oposición "quere vender non existe".

"Vacineime en aras de salvagardar os residentes que son a miña máxima preocupación neste tempo”, explicou María Jesús Novo.

“Nunca aceptei pór esa vacina que viña ao meu nome por un interese propio, a miña conciencia xamais o permitiría", sentenciou a alcaldesa, que asegurou contar co apoio da veciñanza de Boimorto porque "saben quen son", sentenciou, e mesmo co respaldo privado de concelleiros da oposición.

A rexedora, que reivindicou o seu papel como “responsábel última” do que ocorrese no centro de maiores, asegurou que vacinarse permitía contribuír á seguridade de todas as usuarias da residencia que se “blindou” por mor da crise.

Os portavoces de PSdeG e BNG no pleno, Sandra Sánchez e Xosé Luís Rivas, puxeron o foco nos populares, a quen a socialista interpelou directamente. "Se non queren ser vostedes os sinalados no xornal de mañá nin ser cómplices, actúen", apelou. Os dirixentes populares non secundaron a proposta da oposición e a iniciativa quedou rexeitada coa maioría que sumaron os seus cinco votos e o de María Jesús Novo.

Na liña coa versión que trasladou despois de transcender a súa vacinación, María Jesús Novo defendeu que o seu nome viña incluído na listaxe de vacinas do persoal da residencia porque é "a responsable última" do que ocorra no centro, "igual que sucedeu con outros alcaldes previos e pasa con outras residencias municipais".

"Non me apuntei en ningún lado nin fixen nada malo, estaba nunha lista xunto co persoal da residencia. Non lle dean máis voltas, non lle fagan máis dano aos veciños", aseverou a rexedora.

O portavoz do BNG cargou contra o que considera "un comportamento irregular" e incidiu en que a alcaldesa debería aclarar "quen fixo a listaxe da vacinación". Rivas defendeu o seu labor de oposición e lembrou que o traballo da alcaldesa é "xestionar" o Concello, pero non a ve "co pico e coa pa facendo obras".

Tamén a dirixente do PSdeG, Sandra Sánchez,incidiu na "gravidade extrema dos feitos" e puxo o foco no resto de concelleiros do PP, aos que, dado que rexeitaron a iniciativa de reprobación,  considerou "tan culpábeis" e "cómplices" da rexedora na súa actuación "irregular".

Comentarios