Análise

Alberto Núñez Feixoo non ten quen lle escriba

A renuncia de Lucas Martinón do núcleo de asesores é un síntoma do comezo da era posFeixoo.
Mar Sánchez Sierra, Alberto Núñez Feixoo e Lucas Martinón, en 2012. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)
photo_camera Mar Sánchez Sierra, Alberto Núñez Feixoo e Lucas Martinón, en 2012. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)

É consecuencia directa da decisión de Alberto Núñez Feixoo de non continuar en política activa ao remate da actual lexislatura. A saída do Goberno galego de Lucas Martinón é un síntoma claro do comezo da era posFeixoo, que condiciona boa parte dos movementos da Xunta da Galiza e do Partido Popular.

Alberto Núñez Feixoo está en tempo de desconto e nótase. Se á hora de conformar o Executivo galego no pasado verán tívose moi en conta a decisión do presidente galego de non volver recuncar como candidato dos populares, debilitando o poder de Alfonso Rueda, nomeando un segundo vicepresidente e excluíndo do Executivo algún dos aspirantes certos á sucesión, o acontecido desde aquela afondou aínda máis nesa dirección. Ao tempo, o mandatario galego está a comprobar como se consolida o liderado estatal de Pablo Casado e, por conseguinte, como se lle fechan máis portas en Madrid, malia o seu permanente interese en congraciarse cos sectores máis reaccionarios da formación e, sobre todo, co poder económico.

A renuncia do xornalista ourensán Lucas Martinón ás súas responsabilidades no Goberno galego explícase na perspectiva dun novo ciclo da dereita na Galiza cun liderado diferente ao de Feixoo. O relevo do actual mandatario galego á fronte do Partido Popular e a elección dun novo candidato á presidencia da Xunta non se vai concretar até os momentos finais da lexislatura, porén dentro do partido coinciden en que o sucesor debe saír do Executivo, polo que agardan ter resolta a substitución de Feixoo nun prazo de tres anos. As fontes populares consultadas por Nós Diario consideran que nesa nova etapa “é obvio que a xente do círculo de confianza máxima de Feixoo non ten espazo nas súas funcións actuais”.

A saída de Martinón pode adiantar outras marchas de persoas do núcleo de confianza de Feixoo aínda que desde as filas populares dan por feito que o recentemente dimitido director xeral de Comunicación “non se vai de todo”. A este respecto, afirman que é moi probábel que o presidente galego siga contando con el para determinados traballos específicos, como a elaboración de discursos e lembran que Martinón é o autor da práctica totalidade das pezas oratorias de Feixoo desde o desembarco ao seu carón no  último Executivo de Manuel Fraga.

Porén, Martinón non pasou a facer parte do círculo de confianza de Feixoo até a chegada deste á oposición, onde o seu nome xorde como un dos fontaneiros de cabeceira daquel PP ideoloxicamente sen complexos e desexoso de enterrar a herdanza centrista do fraguismo.

A involución ideolóxica que viviu o PP da Galiza tras a chegada ao seu liderado de Feixoo non se explica sen nomes como Martinón. A diferenza dos vellos aparatos xurdidos arredor daquela confederación de dereitas provincias que capitaneou Fraga na década dos 90, os equipos dirixentes de Feixoo estaban nucleados por cadros educados ideoloxicamente no aznarismo e formados na fundación FAES. Sen ir máis lonxe, unha das primeiras iniciativas dos Executivos de Feixoo, o decreto do plurilingüismo é unha proposta dese laboratorio de ideas.

Martinón sempre foi un duro entre os duros. O seu nome ficará asociado á campaña das eleccións galegas de 2009, á famosa denuncia sobre o parque móbil da Xunta da Galiza e a aquela estratexia de comunicación tendente a desmobilizar o voto de socialistas e nacionalistas, sempre coa axuda do responsábel de prensa do PP, Luis de la Mata, e baixo a dirección da actual secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra. Canda esta e Álvaro Pérez Lema, fixo parte da auténtica troika de poder en San Caetano, deixando mostra do seu peso na conformación do último Executivo galego. Lucas Martinón é a parella da conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre a que pesan numerosas críticas pola xestión das residencias durante a pandemia.

Comentarios