Candidato á reelección como secretario xeral de Galiza Nova

Alberte Fernández: "Reafirmámonos na necesidade da independencia"

O actual secretario opta á reelección en Galiza Nova, que este sábado vai realizar en Compostela a súa XV Asemblea Nacional baixo o lema "Pasado, presente e futuro: 30 anos de loitas”.

Foto AN
photo_camera Alberte Fernández, na anterior asemblea nacinal

- Poderías facer un balance sobre o mandato da dirección saínte?

- Nós, dende a dirección, tivemos unha xuntanza o sábado 17 en que aprobamos o informe político para debater na asemblea nacional e o que temos é un balance positivo deste período. Conseguimos implantación en varias comarcas nas cales até agora tiñamos máis difícil facer traballo.Tamén vivimos un grande aumento de militancia en moitas desas comarcas, ao tempo que, xunto co bo momento polo que atravesa o BNG, tivemos un gran interese por parte de moitas mozas e mozos no que a Galiza Nova se refire e polo tanto nós fixemos un balance positivo nese sentido.

- Cales son as propostas para o próximo mandato?

- A proposta que facemos para continuar ao fronte da organización é a da experiencia e un pouco a da continuidade deste período e do anterior, que nós entendemos que foron moi positivos. É certo que houbo erros e eivas que temos que tratar de solucionar colectivamente, mais iso é o que queremos afrontar: o traballo a prol do bo funcionamento da organización. Nas xuntanzas o que facemos é unha análise da situación actual da mocidade galega e nós reafirmámonos na necesidade da independencia [de Galiza] para poder ter unha vida digna, un emprego digno e de calidade, un ensino público tamén de calidade… Tamén se fai moito fincapé no tema de feminismo e de posición LGBTI e nese sentido estamos intentando aprobar un modo de actuación fronte ás accións machistas e LGBTIfóbicas, que xa viñamos aplicando, mais que acordamos que fora ratificado na XV Asemblea Nacional polo conxunto da organización para que todo o mundo teña coñecemento do mesmo e avanzar un pouco nese sentido. Basicamente esas son as cuestións a nivel interno. Durante estes dous anos vivimos un reforzamento pola base. Agora aspiramos a consolidalo, como tamén aspiramos a mellorarmos a formación interna, quer teórica quer práctica, para enfrentarmos os retos que nos tocan. Nese sentido, nunha vertente máis externa, aprobamos tamén —en principio aínda temos que o debater o sábado mais penso que non haberá problema— crear unha nova responsabilidade no eido da vivenda. Durante este tempo temos realizado moitas campañas a nivel local e comarcal co tema de transporte en demanda dunha mellora das condicións do transporte público para a mocidade que, como se sabe, na Galiza son bastante deficientes.

-Tendes dificultades para facer chegar a vosa mensaxe á mocidade galega?

-Realmente, nós o que comprobamos é que neste período recibimos unha cantidade enorme de solicitudes de afiliación e de formación, tanto na nosa web coma nas nosas redes sociais, estaríamos falando dunhas 400 persoas, o cal é unha cantidade importante. O noso grande problema non é tanto chegar á mocidade, que si que o facemos, senón a dificuldade que a xente moza ten para desenvolver unha actividade política. Digo isto pola grande inestabilidade laboral ou de estudos que atinxe a maior parte da mocidade. Por suposto, a maior dificultade sería o feito de que moita xente teña que emigrar e non poida seguir a desenvolver a súa actividade política aquí.

-Un dos temas a debate na asemblea é o da normativización do galego...

-A normativización do galego é un debate que habitualmente está presente no nacionalismo. Nós dende hai anos mantemos unha posición de crítica cara á actual normativa [a fixada pola Real Academia Galega], porque se afasta moito do que é a realidade do galego actual e mira sempre moito cara ao castelán. Hai diferentes posturas que optan por crear unha normativa máis parecida ao portugués e sobre isto temos un debate que terá lugar o sábado.

-Para vós tamén é importante manter a vixencia do pensamento de Castelao. Que lle pode achegar este pensamento á mocidade actual?

-O pensamento de Castelao é algo total e absolutamente necesario, é o pensamento do nacionalismo, onde se atopan as principais das nosas problemáticas. Se na Galiza estamos agora mesmo vivindo a vida pobre nun país rico é pola nosa dependencia colonial do estado español e polas inxerencias tamén da Union Europea e do capital, porque nós aquí temos factores produtivos potentísimos, coma o sector pesqueiro, leiteiro, naval e eléctrico, que non se deixan explotar todo o ben que deberían, por múltiples cuestións... falamos, por exemplo, das cotas lácteas que existiron dende que entramos na Unión Europea e tres cuartos do mesmo no referente á pesca e ao naval, que está desmantelándose conscientemente para primar estaleiros doutras zonas do estado ou de Europa e aí Castelao definiu moi ben —tanto na súa actuación no Partido Galeguista coma no Sempre en Galiza— a necesidade de loitar contra esta inxustiza. O sábado debateremos sobre o tema e farémolo desde a consciencia que ten todo o mundo da necesidade de coñecer a fondo o pensamento político de Castelao.

Comentarios