Alberte Fernández opta á reelección como secretario xeral de Galiza Nova

Esta fin de semana decorre en Compostela a XV Asemblea Nacional da organización da mocidade do BNG.

Alberte Fernández, secretario xeral Galiza Nova. XVI Asemblea Nacional BNG [Imaxe: Xaquín Soliño]
photo_camera Alberte Fernández, secretario xeral Galiza Nova [Imaxe: Xaquín Soliño]

En 1988 nacía Galiza Nova, aglutinando e sumando mozos e mozas procedentes de diversas loitas – da estudantil á sindical, da defensa da lingua ao feminismo, antimilitarismo ou internacionalismo – en torno a un eixo marcado pola “libración nacional e social de Galiza”. Agora, trinta anos despois, Galiza nova, organización da mocidade do BNG, encara a súa XV Asemblea Nacional co obxectivo, afirman, de “fortalecer o nacionalismo entre a mocidade e de analizar a traxectoria da organización ao longo das súas 3 décadas de traballo”.

A asamblea terá lugar este sábado en Compostela, baixo o lema ‘Pasado, presente e futuro: 30 anos de loitas”. O prazo de presentación de candidaturas remata esta quinta feira, 22 de novembro, ás 00:00h. Porén, a Dirección Nacional ten coma cometido entre as súas funcións elaborar unha proposta de candidatura para a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral, que se basee nas propostas de nomes realizadas pola militancia nas asembleas comarcais, atendendo a criterio de xénero, pluralidade, diversidade e representatividade territorial. Nesta liña, a proposta aprobada está encabezada polo actual secretario xeral, Alberte Fernández, que opta á reelección.

Comentarios