AGORA GALIZA

Agora Galiza apela o BNG a non ceder na auto-organización e a Anova a desprenderse do “españolismo”

A forza independentista di que unha candidatura galega debería nacer dun proceso asemblear e cun programa “xenuinamente soberanista, antineoliberal e feminista”.

Carlos Morais
photo_camera Carlos Morais, de Agora Galiza.

Agora Galiza, a organización independentista recén xurdida de sectores que formaron parte da extinta Nós-Unidade Popular, emitiu un comunicado no que expón o seu posicionamento a respeito do debate existente en Galiza sobre candidatura unitaria para as eleccións xerais.

Considera que esta debe artellarse en torno a organizacións políticas, sociais e sindicais galegas, mediante un “proceso asemblear” no que tomen parte persoas non militantes. A defensa dun programa “xenuinamente soberanista, antineoliberal e feminista” é outro dos requisitos que debería de ter esa candidatura, así como que os seus representantes eleitos configuren un grupo parlamentar soberano .

Agora Galiza apela o BNG a “non ceder na defensa intransixente do princípio de auto-organizació”, e a Anova e às Marés “a desprenderse das alianzas co españolismo”. Un terceiro apelo vai dirixido “à totalidade do independentismo galego organizado” para que “abandone a apatia política eleitoral”. En base a isto,o “conxunto das forzas patrióticas galegas” deben tecer un “amplo acordo”.

Neste sentido, no comunicado da Dirección Nacional de AG insisten na necesidade do “reagrupamento” das forzas políticas e sociais galegas. Valoran como un "éxito popular" a afluencia ao Día da Patria mais lamentan que a mesma se convocase sen un "mínimo" exixíbel nas reivindicacións "soberanistas e ruturistas".

Comentarios