AGE e BNG solicitan á Xunta os contratos asinados con Vendex

O deputado Antón Sánchez explica que "queremos saber se a Pokemon tamén se infiltrou no Goberno galego". Pola súa banda a deputada do Bloque, Carme Adán, solicitou tamén as subvencións concedidas pola Xunta ás empresas de Vendex nos últimos cinco anos. 

antonsanchez
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


O deputado de AGE Antón Sánchez rexistrou esta segunda feira unha petición no Parlamento galego na cal esixe coñecer os contratos que a Xunta da Galiza asinou coa empresa Vendex, eixo central da operación Pokemon contra a corrupción política. Unha demanda á que tamén se sumou o grupo parlamentar do BNG.

Segundo sinalan desde AGE nunha nota enviada aos medios, queren saber se esta trama que procuraba contratos nos concellos galegos a cambio de sobresoldos "tamén se infiltrou" no Goberno galego. "Polo que podemos ver a través do sumario, a corrupción é o método xeneralizado dun réxime e das súas principais patas políticas", concluíu Sánchez. 

O BNG exixe explicacións á Xunta polas subvencións concedidas a Vendex

Pola súa banda, a deputada nacionalista, Carme Adán, solicitou tamén ao goberno galego que explique as subvencións concedidas desde a Xunta ao entramado empresarial de Vendex durante "os últimos cinco anos". 

Após facerse público que a empresa mercou un iate através dunha axuda pública para I+D+i de máis de 40.000 euros, desde a organización frontista reclaman explicacións ao executivo de Alberto Núñez Feijóo, máxime, acrecentou Adán "cando o IGAPE estivo salpicado por todo un túmulo de tratos de favor e demisións na pasada lexislatura". 

Comentarios