AGE reclama que a Xunta presente recurso contra a sentenza do Prestige

O Goberno galego, que estaba personado na causa, unicamente imputou delitos contra os dous acusados gregos: o capitán do barco, Apostolos Mangouras, e o xefe de máquinas, Nikolaus Argyropoulos. Porén, non reclamou responsabilidades políticas.

sanchez
photo_camera Antón Sánchez [Imaxe: AGE]


AGE quere que sexa o Goberno galego quen presente perante o Tribunal Supremo un recurso contra a "infame" sentenza que esta cuarta feira 13 de novembro ditou a Audiencia Provincial da Coruña a respeito da catástrofe do Prestige.

A formación que encabeza Xosé Manuel Beiras rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei que asina o deputado Antón Sánchez en que sinala que "a condena social da cidadanía galega non quedou reflectiva no ámbito xurdisdicional".

Desta maneira, a formación política destaca que os verdadeiros responsábeis políticos "están de presidente do Goberno e de director xeral da Garda Civil", en referencia a Mariano Rajoy, que era vicepresidente do Executivo español cando afundiu o pretroleiro; e a Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado español na Galiza. Antón Sánchez cualificou o xuízo de "pantomima" e o seu resultado de "fracaso", namentres Beiras dixo que a resolución "é máis unha mostra da impunidade do poder".

A Xunta non reclamou responsabilidades políticas

Cómpre recordar que, se ben a Xunta si se personou como acusación na causa, unicamente imputou delitos en relación ao xefe de máquinas do Prestige, Nikolaus Argyropoulos, e ao capitán do barco, Apostolos Mangouras.

Nada contra o terceiro dos acusados, o ex director xeral da Mariña mercante José Luís López-Sors, a quen a Plataforma 'Nunca Máis' conseguiu imputar malia que ficou absolto, ao igual que Mangouras e Argyropoulos, dos delitos principais: contra o medio ambiente, danos en espazos naturais protexidos e danos provocados pola catástrofe acontecida na costa galega hai 11 anos.

Comentarios