AGE reclama que o Sergas deixe de lle pagar as nóminas a 53 sacerdotes católicos

Unha proposición non de lei presentada no Parlamento galego pola deputada Eva Solla exixe que os 800 mil euros anuais destinados á asistencia relixiosa nos hospitais do País "se encamiñen a outras necesidades" da sanidade pública
Eva Solla
photo_camera A deputada Eva Solla [SG]


O grupo parlamentar de AGE, por boca da deputada Eva Solla, vén de exixir á consellaría de Sanidade que deixe de sufragar os salarios dos 53 sacerdotes que prestan asistencia relixiosa católica nos hospitais públicos e concertados da Galiza.

Nunha proposición non de lei, Solla reclama "que os capeláns deixen de ser persoal asalariado do Sergas" e, por conseguinte, que as súas nóminas non se paguen con diñeiro das arcas públicas, supoñendo un gasto que se sitúa por volta dos 800 mil euros anuais.

Así llo confirmou a este xornal Jesús Carracedo, director do secretariado inter-diocesano de pastoral da saúde (SIPS) da Galiza para a elaboración dunha información publicada no semanario nº32 sobre o convenio existente entre Sergas e Xunta, asinado en 1995 e do cal este ente público refusou dar dato algún.

Así as cousas, após as preguntas escritas presentadas polo grupo parlamentar do PSOE no Parlamento galego, agora é AGE quen reclama que "os privilexios de calquera tipo para calquera relixión desaparezan da sanidade pública", encamiñando a "outras necesidades" da sanidade o orzamento anual estabelecido para finanzar os servizos dos 53 capeláns.

Comentarios