AGE promove a sinatura dun pacto galego para garantir o ensino no rural

Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda, Xabier Ron e Ramón Vázquez, compareceron ante os medios con motivo da orde da Consellería de Educación na que se anunciou o peche de 13 escolas no vindeiro curso, ao tempo que se suprimiran 66 aulas e 115 prazas docentes. VÍDEO NO INTERIOR. 

Ramón Vázquez e Xabier Ron compareceron para analizar o peche de centros educativos. Foto: Irene Pin
photo_camera Ramón Vázquez e Xabier Ron compareceron para analizar o peche de centros educativos. Foto: Irene Pin

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) propuxo na mañá desta segunda feira o asinamento dun pacto galego, no que todas as forzas se comprometan a defender e garantir o ensino rural galego. Para Xabier Ron, o peche de centros e a supresión de unidades educativas no rural é un feito que colabora co despoboamento destas zonas, apuntando que o peche de escolas supón “privar ás persoas dun servizo que fai de polo atractor para a poboación rural.”

“Publícase o DOGA co peche de escolas cando as familias xa non están nos centros”

Ramón Vázquez, pola súa parte fixo unha reflexión sobre o momento no que se fai este anuncio: “Publícase o DOGA co peche de escolas cando as familias xa non están nos centros”, referíndose á dificultade de reacción das familias, as cales teñen moito máis complicado reunirse e protestar nestas datas do ano.

En total péchanse 13 escolas, das cales 8 se atopan na provincia da Coruña, 4 en Pontevedra e unha en Lugo. As perdas de aulas afectan ás catro provincias, sendo 22 unidades educativas suprimidas na Coruña, 24 en Pontevedra, 7 en Lugo e outras 7 en Ourense. Ramón Vázquez quixo concretar nun dos centros que non abrirán as súas portas no vindeiro mes de setembro, o colexio da Parroquia de Belesar, con 16 alumnas e alumnos matriculados, incidindo en que neste caso o Partido Popular “incumple os seus propios criterios” ao pechar un centro con máis de 5 persoas matriculadas.

“É un peche de escolas cuantitativo, que responde a criterios económicos, prescindindo dos valores pedagóxicos”

Para Xabier Ron trátase dun “peche de escolas cuantitativo, que responde a criterios económicos, prescindindo dos valores pedagóxicos”. Ramón Vázquez focalizou no carácter de espazo de reunión e foco de cultura popular das escolas rurais: “A escola é un referente cultural na comunidade rural.[...] É un espazo para o asociacionismo.” Ademais, recalcou que é o lugar onde se vota e onde se fan as festas, apuntando que as súas biblioteca ou aulas de informática adoitan ser de uso común.

Comentarios