AGE presenta unha declaración "en defensa da legalidade republicana"

Con motivo do 82 aniversario da instauración da II República española, Alternativa Galega insta ao Parlamento a se comprometer "coa legalidade republicana" e as persoas "que viviron e loitaron" na defensa "das liberdades e dereitos do pobo galego". 

O texto presentado polo grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda salienta "o tempo venturoso" que supuxo a proclamación da II República española o 14 de abril de 1931. Con motivo dos 82 anos daquela data AGE presentou unha declaración institucional á fin de que sexa aprobada polo Pleno do Parlamento. Porén, a Xunta de Portavoces non a apoiou finalmente.

Neste senso, salientaron a mellora "nas condicións de vida" do pobo galego "no marco republicano" e os avanzos lexislativos en materia económica e social como foi o recoñecemento do sufraxio universal que por vez primeira incluía o dereito a voto para as mulleres. Aliás, salientaron na declaración "recoñeceuse o dereito do pobo galego ao autogoberno". 

O grupo parlamentar da AGE insta ao Parlamento galego a "facer un contributo á defensa dos valores democráticos" recoñecendo "a legalidade republicana" e a conmemorar, din, "aquelas persoas que loitaron" en prol "das liberdades e dereitos do pobo galego". 

Comentarios