AGE pide a disolución da Fundación Cidade da Cultura e que se destinen os fondos ao tecido cultural galego

Alternativa Galega de Esquerdas lembra que nos orzamentos do 2013 dita Fundación léva máis de 9 millóns de euros, o 15% do orzamento dedicado a Cultura
Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cidade da Cultura

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou no Parlamento galego unha Proposición non de Lei pola que se insta á Xunta de Galiza "á disolución da Fundación Cidade da Cultura e a redistribución do seu orzamento". Desde AGE destacan que as políticas de recortes estanse xustificando,” de forma interesada”, apelando á necesidade de austeridade e de aforro para reducir o “sacrosanto déficit”.

Unhas políticas de recorte que supoñen, indican desde esta formación, un auténtico ‘austericidio’ que leva a un progresivo e ininterrompido proceso de degradación das condicións de vida e traballo da maioría da poboación galega.

Nos orzamentos do 2013 dita Fundación léva máis de 9 millóns de euros, "isto é o 15% do orzamento dedicado a cultura". Por riba, afirman desde AGE, a funcionalidade deses recursos económicos detráese do carácter directamente cultural para dedicarse en máis de 6 millóns de euros, isto é máis de 2/3 do orzamento, a obras, equipamento e dotacións.

Por iso, Alternativa insta á Xunta a disolver a Fundación Cidade da Cultura e que os 9 millóns de euros que se adican a esta Fundación "se redistribúan de forma axeitada revitalicen e dinamicen o tecido cultural galego con políticas de apoio transparentes e equitativas".

Comentarios