AGE pide outra fiscalidade que evite os recortes en servizos sociais

Entre as medidas fiscais defendidas pola emenda de AGE está o incremento impositivo nos tramos máis altos da tarifa autonómica do IRPF ou ben un imposto sobre as grandes superficies comerciais, entre outras.

Alternativa Galega de Esquerdas avogou no debate parlamentar por uns orzamentos “menos lesivos para as maiorías sociais”, en palabras da vice-portavoz Yolanda Díaz, propondo un incremento no teito de gasto non financeiro de 250 millóns de euros –amparado na flexibilidade legal- e máis unha relación de medidas fiscais para recadalos, “o que suporía unha importante suavización nos recortes e nos gastos non financeiros en sanidade, educación, servizos sociais e emprego”.

Entre as medidas fiscais defendidas pola emenda de AGE está, entre outras, un incremento impositivo nos tramos máis altos da tarifa autonómica do IRPF; o mantemento do imposto de patrimonio con carácter permanente; un imposto sobre as grandes superficies comerciais ou sobre os pisos baleiros; ou un plan de loita contra a fraude fiscal.

Yolanda Díaz, denunciou no debate a “estratexia económica” do Partido Popular que resume “nun transvase das rendas salariais e do traballo á rendas do capital para engordar aínda máis os ricos”. Como exemplo deste proceder, Díaz dixo: “Vostedes baixan un imposto directo, o IRPF, e soben un imposto indirecto regresivo, como é o denominado céntimo sanitario, polo que ademais a Xunta pode ser condenada por Europa”.

Comentarios