AGE-Europa súmase á iniciativa solidaria estatal “Caravana a Grecia: abrindo fronteiras”

A eurodeputada de AGE, Lidia Senra, amosa o seu apoio á iniciativa solidaria “Caravana a Grecia: abrindo fronteiras”, unha iniciativa que parte do Estado español cara a Tesalónica (Grecia) co fin de facer visíbel o “abandono” da UE ás persoas refuxiadas.

[Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo
photo_camera [Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo

AGE-Europa expresa o seu apoio á caravana solidaria que na tarde do sábado se concentra en Barcelona e que chegará a cuarta feira a Tesalónica. A concentración da caravana coincidirá coa acampada convocada pola organización No Border do 15 ao 24 de xullo.

Nun comunicado de imprensa, Lidia Senra carga contra as “políticas inhumanas” que aplica Bruxelas no trato das persoas refuxidas e di que “extreman a vulnerabilidade” destas persoas. “Pode cambiarse a situación, mais as autoridades europeas non o fan para as disuadir de entrar nos países da UE”, engade.

Na mesma liña, Senra denunciou que malia que nestas datas deberían ter sido acollidas unhas 160.000 refuxiadas, tan só atoparon asilo na UE unhas 3.000. A creación da Axencia da Garda Europea de Fronteiras e Costas foi tamén albo das críticas da deputada de AGE no Parlamento europeo.

A europarlamentar afirma na nota de imprensa que “as forzas neoliberais” amosan un “cinismo descarnado” que lles permite obviar que “están detrás de moitas situacións de violencia extrema que provocaron que estas persoas se viran na obriga de abandonar o seu país de orixe”.

Comentarios