AGE di que Fomento primou ‘’intereses electorais’’ para inaugurar o Eixo Atlántico en detrimento da seguridade

A formación fala de ‘’chapuza’’ e afirma que no servizo hai deficiencias relativas á falla de sistema de seguridade ou incompatibilidade dos trens.

Estación de tren da Coruña (Foto: X. Lorenzo)
photo_camera Estación de tren da Coruña (Foto: X. Lorenzo)


 

O Ministerio de Fomento primou ‘’intereses electorais e partidistas’’ sobre razóns de seguridade para inaugurar a liña do Eixo Atlántico, no que é unha actuación irresponsábel, unha “chapuza”, segundo afirma Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) a través dos seus deputados Antón Sánchez e Juan Fajardo. O grupo parlamentar sostén estas acusacións en base a diferentes cuestións. En primeiro lugar, que a inauguración se fixese sen instalar o sistema de seguridade ERTMS. “Parece non ter aprendido nada do tráxico accidente ferroviario acontecido en Angrois hai menos de dous anos, xa que volve a repetir os erros e pon en marcha esta liña ferroviaria antes de contar cos sistema de seguridade precisos como sinalan os propios técnicos”, dixo Sánchez.

Outra das críticas de AGE fai referencia, dixo Juan Fajardo, á “incompatibilidade dos trens que están a funcionar o que provoca que teñan que parar cando se cruzan entre eles, o que se coñece polo nome de colchóns de vía. Así cando dous trens incompatibles entre eles crúzanse, un deles ten que parar e esperar a que o outro pase”.

Os cambios de horarios e tarifas sen avisar con antelación de abondo a usuarios, a falla de inter-modalidade, .. son outras das cuestións denunciadas por AGE.

Comentarios